Anuncios
Ticker de novas

“Sorrisos Transformadores” chega a Baiona para visualizar o colectivo LGTBI

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, encomia o labor levado a cabo pola Asociación de Familias de Menores Trans* (ARELAS), e así llo fixo saber á presidenta da Asociación, Cristina Palacios, que impartiu hoxe unha charla no CPI Cova Terreña, na que profundou sobre a situación do colectivo LGTBI, achegando a súa experiencia persoal e respondendo as dúbidas e cuestións que puideron xurdir.

A conferencia, á que asistiu o alumnado de 3º e 4º de ESO xunto con profesorado do centro educativo, está encadrada na inauguración da mostra “Sorrisos Transformadores”, un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI posto en marcha pola Deputación de Pontevedra en colaboración con ARELAS. Esta mostra estará aberta ao público no mesmo CPI Cova Terreña ata o venres 27 de abril e poderase visitar de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Ao acto, que foi aberto pola Directora do Centro, Isabel Martínez Cabaleiro, tamén acudiron, ademais do Alcalde, a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, a Deputada de Emprego, Mª Montserrat Magallanes, a Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Mª Carmen Paredes, membros do equipo directivo e representantes do ANPA.

“Sorrisos Transformadores” é unha exposición itinerante que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que mostran unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de relevancia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

A finalidade de “Sorrisos Transformadores” é a de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a exposición compleméntase cunha oferta de charlas informativas, como a que tivo lugar, destinadas á comunidade escolar.

Anuncios