Anuncios
Ticker de novas

O Pleno da Mancomunidade aproba o convenio colectivo do GES

O Pleno da Mancomunidade celebrado este martes aprobou o convenio colectivo que regulará as condicións de trabado do Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor, asinado polos tres alcaldes da comarca, GES e sindicatos o pasado 29 de decembro 21 anos despois da súa creación. O documento, que contou cos votos a favor de todos os concelleiros excepto Rubén Rial, que se abstivo por ser membro do GES, será trasladado á Xunta de Galicia, e segundo informou Paco Ferreira, actual presidente do ente supramunicipal, se é informado favorablemente e non hai alegacións, podería entrar en vigor no verán.

A pesar de non ser efectivo, Ferreira lembrou que desde o mes de xaneiro os 12 efectivos do Grupo de Emerxencias xa viron incrementado o importe da hora e da xornada extra, unha das medidas acordadas e incluídas xa no orzamento da Mancomunidade, no que se aumentou nun 11% a partida destinada ao GES respecto ao ano anterior. Tamén se reservaron preto de 17.000 euros para financiar nova indumentaria, que será adquirida nas próximas semanas, así como un teléfono móbil e unha Tablet para o coordinador e unha cámara de infravermellos.

O documento, que supoñerá unha vez entre en vigor un aumento de 100.000 euros na partida destinada ao GES, contempla a mellora salarial dos seus 12 membros, pasando dos 850 euros actuais a 1.200. Outra parte importante é o aumento do número de efectivos, que se elevará ata os 18 no próximos tres anos, redundando nun mellor servizo para os máis de 45.000 veciños da comarca, chegando ata os 120.000 en época estival.

O presidente da Mancomunidade anunciou que para ir avanzando no aumento de efectivos, “imos comezar a redactar o borrador das bases para a oferta pública de emprego, e convocar a mesa de negociación, para ter o proceso selectivo en marcha e nada máis estea listo o convenio poder empezar a ofertar as prazas de novos bombeiros”.

Máis melloras no GES

Recentemente, a Xunta entregou á Mancomunidade un equipo de excarceración valorado nuns 43.000 euros, que supón un reforzo importante na actuación do persoal de bombeiros en accidentes de tráfico, excarceracións, levantamento de obxectos pesados (por exemplo tractores), corte de elementos e outras utilidades. Este mesmo mes, Ferreira entregou ao GES un novo desfibrilador semiautomático (DESA), financiado tamén polo goberno autonómico.

Anuncios