Anuncios
Ticker de novas

Alumnos franceses visitan Gondomar nun intercambio co IES Auga da Laxe

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Educación, Iria Lamas, recibiron este luns aos 20 alumnos e alumnas acompañados dos profesores, procedentes de Normandía, que están de intercambio co IES Auga da Laxe. Ademais, o Obradoiro de Emprego Valmiemprega II ofreceulles unha visita guiada arredor da Vila.

A ruta comezou na Praza do Concello, tamén coñecida como Praza da Paradela, onde se lles deu a benvida e unha pequena introdución sobre o concello. A continuación amosóuselles a Ponte das Ánimas a carón do Río Miñor e o Parque das Cercas, aproveitando para falar sobre o Río Miñor ao seu paso pola vila e outras curiosidades do entorno como a escultura da Galiña Azul en homenaxe a Carlos Casares.

Proseguiu a visita ata o Acueduto do Bravo a través dun pequeno sendeiro a carón da ponte de Rosas, onde viron primeiramente un curioso lavadoiro, elemento moi común na nosa etnografía e admiraron o senlleiro Acueduto, testemuña doutros tempos e que aínda amosa o seu esplendor.

Rematou a visita guiada na Igrexa Parroquial de San Bieito, e no fermoso recuncho onde se atopa o conxunto de fonte e lavadoiro de San Bieito e un esvelto exemplar de cruceiro.

Para enriquecer a visita, amosáronselle unhas curiosas fotos antigas de Gondomar, onde se observa como era a antiga Praza da Paradela cando se celebraban os mercados e a Praza da Igrexa de San Bieito.

Tanto os rapaces como o profesorado amosou gran satisfacción pola visita guiada e pola oportunidade de coñecer máis en profundidade o patrimonio da Vila de Gondomar.

Anuncios