Anuncios
Ticker de novas

O PP de Nigrán critica que se deixen fóra da negociación do orzamento a 8 concelleiros

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O Grupo Municipal do PP de Nigrán nunha sesión plenaria.

Tras o anuncio do acordo alcanzado polo goberno socialista de Nigrán con BNG e UCN para a aprobación dos orzamentos, o Grupo Municipal do Partido Popular asegura nun comunicado que o alcalde, o primeiro, debe lembrar que a votación para deixar no Pleno de marzo o debate e votación do orzamento 2018 sobre a mesa contou cos votos a favor de PP, Nigrán Decide e UCN e as abstencións de PSOE e BNG. “Si, abstívose o PSOE”, inciden.

Os populares lembran que a motivación era o non haber nin sequera iniciado naquel momento a constitución do Consello de Participación Cidadá, aprobado por todo o Pleno no ano 2016.

Segundo o PP, é moi probable que con que só cumprise neste mes de abril coa disposición transitoria terceira, que indica que “No prazo máximo de tres meses desde a aprobación definitiva deste regulamento, o Alcalde convidará a todas as asociacións veciñais inscritas no Rexistro a participar no Consello Xeral de Participación cidadá”, e publicase no portal de transparencia o proxecto do orzamento (non por certo unha vez xa aprobado, como vai facer agora, sen saber en que vai valer isto para os veciños en aras da participación na súa elaboración), resolveríase o escollo exposto no Pleno de marzo.

O programa electoral do PSOE en Nigrán para as eleccións municipais de 2015 indicaba que “impulsaremos instrumentos tales como os Orzamentos Participativos que permitan a implicación dos veciños/as na toma de decisións respecto das prioridades do investimento municipal”.

O acordo entre o PSOE e Nigrán Decide previa á votación do Alcalde incluía a creación dun “Regulamento de participación cidadá” e a elaboración dun “Regulamento de Orzamentos Participativos”.

O programa marco do BNG para as eleccións municipais do 2015 dicía “Garantir a participación directa dos veciños, para deseñar e acordar as liñas principais da política municipal, fomentar as consultas populares e implantar, paulatinamente e con carácter vinculante, os orzamentos participativos”.

Con todo, para o PP, “da forma máis autoritaria e antidemocrática posible, decide deixar fóra da negociación a 8 concelleiros dos grupos maioritarios da oposición, que representan a 3.838 votantes veciños de Nigrán (44,04 % de votos emitidos), coa inestimable colaboración do BNG (aliados e cogobernantes na Deputación de Pontevedra) e de UCN (recoñecer aquí que o Sr. Fernández Comesaña é experto pescador en augas revoltas)”.

“Toda a negociación baséase en promesas escritas na Memoria da Alcaldía, ás que no pasado pleno referíase a elas así o actual Alcalde”:

“O GOBERNO SABE QUE HAI COUSAS QUE NON VAI CUMPRIR, PERO AÍNDA ASÍ CONTÉMPLANAS para tranquilizar á oposición. Por outra parte tampouco existe a seguridade de que non se modificará o orzamento despois de aprobalo para facer algo distinto ao agora proposto. Nestas condicións o PSOE non vai aprobalo”, Juan González Pérez, ACTA PLENARIA Nº 7/2014, sesión celebrada 26 de Xuño 2014.

O Grupo Municipal do Partido Popular anuncia que en caso de ser aprobado definitivamente o orzamento, a partir do día 1 de xaneiro do 2019 estará continuamente pendente de informar á cidadanía do incumprimento de promesas e denunciará a quen as avale como colaboradores necesarios.

Anuncios