Anuncios
Ticker de novas

Ouro para Omar Rodríguez e bronce para Cristian Suárez no Torneo Internacional Jóvenes Promesas

A Selección Española de Loitas Olímpicas triunfou no Torneo Internacional “Jóvenes Promesas 2018”, que tivo lugar na Cidade Deportiva Camilo Cano de La Nucía (Alacante). 200 deportistas de 11 países déronse cita para disputar os torneos internacionais cadete e júnior nas modalidades de Loita Libre Olímpica, Loita Feminina e Loita Grecorromana.

Os deportistas galegos sumaron gran cantidade de medallas para o combinado nacional, conseguindo catro de ouro, dúas de prata e seis de bronce. Entre os 15 convocados da comunidade galega pola Federación Española de Loita estiveron os baioneses Anxo Uzal, Cristian Suárez e Omar Rodríguez, integrantes do Club de Loita Sabarís.

Omar fíxose coa medalla de ouro na modalidade Libre Olímpica júnior, peso 70 kg. Cristian fíxose cunha medalla de bronce na modalidade Libre Olímpica cadete 71 kg. Menos sorte tivo Anxo Uzal, que competía tamén en Libre Olímpica cadete, peso 65 kg, ao que un problema físico afastouno da loita polas medallas.

Tras o torneo, parte dos deportistas galegos permanecerán concentrados no CAR Infanta Elena de San Javier (Murcia). Do 16 ao 20 de abril terá lugar a concentración cadete e júnior, na que participará Anxo Uzal, e do 20 ao 22 de abril a SUB-23. Omar Rodríguez será un dos 3 deportistas galegos que participará nas dúas concentracións, como campión de España da súa categoría de peso.

OMAR RODRÍGUEZ, ANXO UZAL E CRISTIAN SUÁREZ COA SELECCIÓN GALEGA NO TORNEO INTERNACIONAL JÓVENES PROMESAS

Anuncios