A presidenta do PP de Gondomar, Paula Bouzós, entrevistouse a semana pasada co director do Colexio de Peitieiros, Xurxo Martínez, para entre outros asuntos, abordar a problemática do perigo de atropelos nas entradas e saídas dos cativos para coller os buses. O director trasladoulle que a súa maior preocupación agora mesmo é esta, e que as últimas noticias que ten e que van facer uns pasos elevados, o que para el é insuficiente. Segundo Xurxo Martínez «xa se teñen dado casos de condutores que non lles importa que estean cruzando os cativos. A mellor solución sería a instalación duns semáforos e o desvío do trafico nas horas de entrada e saída do colexio». «Hai dous temas que agora mesmo para min e para a comunidade educativa son moi necesarios: un pavillón para a ximnasia e a problemática da seguridade dos cativos nas entradas e saídas do colexio», lle comentou o director.
Paula Bouzós é consciente deste problema, por iso lle pide a Paco Ferreira que se acometan as obras prometidas para o aparcadoiro dos autobuses no Colexio Público Xosé Neira Vilas de Peitieiros, e se estude a posible colocación de semáforos como lle comentou o director na entrevista mantida. Recórdalle Paula Bouzós, que antes das eleccións do ano 2015 quedara xa redactado un proxecto coa solución a este problema, pero co cambio de goberno na Deputación de Pontevedra este documento quedou agochado no caixón, e non se soubo máis del. Incluso nun pleno de abril de 2016 Paco Fereira recoñeceu que había un proxecto redactado polo anterior goberno e comprometida a súa execución. Hai que recordar que a este colexio van alumnos de Peitieiros, Chaín, Morgadáns, Couso, así como de outras parroquias cuxas familias elixen este colexio para a formación dos seus fillos.
Tamén recorda a presidente do PP de Gondomar, que na visita que fixo en xuño de 2017 a Gondomar o deputado provincial de Movilidade, Uxío Benítez, comprometeuse a executar as obras necesarias para garantir a seguridade dos cativos. Segundo as súas verbas «… o proxecto do departamento de Mobilidade da Deputación, que está en fase de redacción, incluirá novos elementos de calmado de tráfico: catro redutores de velocidade que se situarán nas curvas anterior e posterior á recta na que está o colexio. Así mesmo, habilitarase un espazo propio para que os nenos e nenas que utilizan o transporte escolar poidan subir e baixar do bus fóra do ámbito da estrada provincial. Para realizar esta mellora e acondicionar unha nova área para a parada dos buses estase traballando na consecución dunha parcela anexa ao colexio que pertence á comunidade de montes».
Finalmente, Bouzós recorda que si a Deputación Provincial de Pontevedra non quere facer as obras, o concello pódese acoller ao plan «Camiña á Escola». Trátase dunha liña de subvencións para a redacción de proxectos e plans de dinamización de camiños escolares seguros nas estradas provinciais, e que serán financiados pola Deputación con ata o 75% do seu custo.

