O Concello de Nigrán celebra este sábado 14 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a gala dos “Premios Nigrán 2018”. Nesta sétima edición serán homenaxeados no ámbito cultural a Coral Stella Maris do CRC O Torreiro de Priegue; no educativo o CEE de Panxón; no empresarial Talleres Josmar; no deportivo o Club Baloncesto Nigrán; e no social os veciños de Camos e Chandebrito, todos eles elixidos coa unanimidade da corporación.
O xa consolidado acto institucional está deseñado para ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados, que recibirán o galardón deseñado ex-profeso para estes premios no 2016 polo artista Juan Coruxo.
Nesta ocasión a gala contará coa actuación en directo de Roberto Comesaña, recoñecido acordeonista de Priegue que no 2016 acadou un Grammy co tema “Cabaliño” xunto a Cristina Pato, Anxo Pintos e Davide Salvado, ademais de sumar outros destacados recoñecementos na súa dilatada traxectoria (como o primeiro premio no certame nacional de acordeón na categoría de música popular no 2009).


