Anuncios
Ticker de novas

O Conservatorio de Gondomar celebra o seu 35 aniversario con actividades e concertos gratuítos

A Concellería de Cultura e o OMIX do Concello de Gondomar, dirixidas por Nuria Lameiro, presentan un cartel cheo de actividades programadas para todo o 2018. O Conservatorio Municipal de Música, que conta con 70 alumnos e 6 especialidades instrumentais, ten preparados unha serie de actos para conmemorar o 35 aniversario desde a súa fundación en 1983. O primeiro deles realizouse o pasado mes de febreiro cun Concerto de Entroido coa colaboración da Banda Xuvenil e Infantil da Agrupación Musical de Vincios, seguido da Gala Conmemorativa do Aniversario realizada o pasado 21 de marzo no Auditorio Lois Tobío.

Desde as primeiras clases de piano impartidas como filial do conservatorio de Vigo en 1983 por Conchita Quintas, ata a actualidade, constituído como centro propio, o Conservatorio de Gondomar formou a esgalla de músicos desde os seus inicios en todo o Val Miñor e sur da provincia de Pontevedra. Practicamente a totalidade de asociacións culturais da comarca, agrupacións, corais, grupos de rock, improvisación, etc, foron alumnos do conservatorio, formando así parte da súa historia. Desta maneira, o actual equipo de profesores, dirixidos por Brenda Vidal, quixeron render homenaxe a todos eles propoñendo concertos e actividades de todos os estilos e xéneros, desde un concerto de música tradicional, un obradoiro de ecopercusión, un concerto de jazz ou un quinteto de música barroca. Todos eles celebrados en diferentes puntos do concello entre os que destacan o Auditorio Lois Tobío, onde se atopan as instalacións do conservatorio, a Praza do Concello, Parque da Coelleira, Parque das Ánimas ou a Igrexa de San Bieito.

Gala Conmemorativa do 35 Aniversario do Conservatorio de Gondomar

O Conservatorio Elemental de Música de Gondomar presentou o pasado 21 de marzo, no Auditorio Lois Tobío, unha gala para conmemorar o aniversario do centro. O acto comezou coa presentación do libro “50 anos do Conservatorio de Vigo” por Josefa Estarque, onde a autora explicou a historia do centro de Vigo e a orixe do conservatorio de Gondomar. A continuación presentouse a programación do aniversario empezando polo concerto xa celebrado en febreiro coa Agrupación Musical de Vincios. No mes de abril, o día 7 continuaron os concertos coa actuación de Dani Font e María Villanueva, que presentaron un dúo de jazz con versións de grandes clásicos, como de bossa, ou boleros, seguido dunha masterclass de FiddleLoop, que se celebrará o día 25, impartida polo profesor de violín e viola do centro, Héctor Varela. O mes de maio comeza cunha data moi especial para os alumnos do conservatorio, xa que quedarán a durmir no centro a noite do 4 para o 5, gozando antes dun obradoiro de ecopercussion impartido por Didier Madan, e un Concerto Punkinfantil, interpretado polo pallaso Peter Punk e Brais das Hortas. Ao día seguinte comezarán a xornada cunha clase de Ioga impartida por Giorgia Bulzacca de Yogagio, e unha masterclass de Danza Moderna polas profesoras Marcia Vázquez e Clara Ferrao da Asociación de Danza de Gondomar. Aínda en maio, o día 16 gozaremos dun concerto do quinteto de música barroca I Colori dell´ Armonia na Igrexa de San Bieito, e posteriormente os días 29 e 30 celebrarán dous concertos didácticos no Auditorio Lois Tobío e na Casa da Lectura de Donas, en colaboración con Espazo Lectura.

No mes de xuño, o día 6 celebrarán o tradicional Concerto de Fin de Curso na Praza do Concello, e o día 26 terá lugar a Festa da Música Tradicional, na que participarán os grupos Tradisón, Terribles de Donas e Cantares do Brión. O 21 de xullo no Parque da Coelleira actuará o grupo de mulleres, A Banda da Loba, que acaban de recibir o premio aRitmar Galiza e Portugal na categoría de mellores músicas galegas.

En outubro os encargados de inaugurar o novo curso lectivo será o Ensemble da Orquestra Vigo 430, terceira orquestra sinfónica profesional de Galicia. E por último, dúas citas ineludibles, o concerto de Santa Icía o 21 de novembro, onde estrearán unha obra da pianista e compositora Patricia Goberna, e o concerto de Nadal o 19 de decembro. Todos os concertos serán con entrada gratuíta e para todos os públicos.

Prazo de preinscrición para o novo curso

Durante todo o mes de maio, poderase realizar a preinscrición para a proba de acceso ao 1º curso do Conservatorio, presentando un formulario na oficina da OMIX de Gondomar en horario de mañá, ou na secretaría do centro en horario de tarde. Tamén poderán cubrirse vía online, na seguinte páxina web.

Para máis información: 986 369 746/986 389 283.

Anuncios