Baiona centra nas parroquias a totalidade dos investimentos do Plan Concellos

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Ángel Rodal durante unha visita a Belesar.

O Concello de Baiona investirá 1.300.000 euros, a totalidade do montante da Liña I, dedicada a investimentos, do Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra nas parroquias do municipio. “O Concello destinará o diñeiro para realizar diferentes obras consideradas prioritarias para o goberno local”, sinala o alcalde, Ángel Rodal.

Entre os proxectos para realizar atópanse grandes investimentos que se levarán a cabo ao longo do ano nas cinco parroquias baionesas. Na de Santa Cristina da Ramallosa destaca o proxecto de reforma do edificio norte de Sabarís, é dicir, remodelación e reforma do Mercado en centro multiusos de carácter cultural para crear un lugar de encontro polivalente e de lecer para todos. A parroquia pasará a ter un centro cultural, xa que é a única de Baiona sen estas infraestruturas. O resto Baíña, Baredo, e Belesar contan con estas instalacións sociais executadas polas súas comunidades de montes. Cúmprese así un dos compromisos que Rodal adquiriu cando accedeu á alcaldía, xa que este proxecto figuraba entre as súas aspiracións e verao materializado en breve. O investimento superará os 600.000 euros.

Na parroquia de Belesar, o proxecto de reurbanización e acondicionamento do acceso á igrexa de San Lorenzo ata a Praza de Antonio Taboada será a obra estrela nesta parroquia. A tal fin destinaranse preto de 170.000 euros.

As actuacións ambientais son tamén destinatarias de parte do montante dos investimentos. Baiona conta cun patrimonio etnográfico excepcional e o Concello aposta por poñelo en valor. Para iso, levará a cabo a ampliación da Senda Fluvial de Baredo, unindo a parte baixa coa zona alta da parroquia. Tamén está prevista a reforma do Paseo Fluvial de Baíña. Ademais, poñerase en marcha a segunda fase da subministración de contedores de carga lateral. Para todos estes investimentos destinarase máis de 200.000 euros.

O resto da suma destinarase ás melloras de viarias, accesibilidade e mobilidade en cada unha das cinco parroquias do municipio.

“Estas actuacións demostran a sensibilidade que este equipo de goberno comigo á fronte temos cara ás parroquias e o rural e persoalmente creo que non se pode entender o nome de Baiona sen axuntar todo o potencial que nos achega cada unha das nosas parroquias, que coas súas sinerxias fan que nosa Real Vila de Baiona sexa aínda máis grande”, destacou Rodal.

Anuncios