A terceira edición de Xornalismo na Escola “laCaixa” chega ao IES Terra de Turonio de Gondomar

FOTO: IES TERRA DE TURONIO // Xaime Escudero.

O IES Terra de Turonio vai acoller este luns 16 de abril o primeiro obradoiro na vila miñorán da terceira edición de “Xornalismo na Escola”, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “laCaixa” para impartir obradoiros de xornalismo entre escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.

Co obradoiro deste ano, impartido por Emilio Gómez Álvarez, son xa dous os centros educativos gondomareños que acolleron este programa desde a súa creación.

A iniciativa, que percorre distintos institutos de toda Galicia, arrancou o pasado 15 de febreiro no IES de Bembibre no Val do Dubra (A Coruña) e vaise prolongar ata o mes de maio. Impartiranse un total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da ESO.

Nestas xornadas, os xornalistas tratan de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supoñer para a xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

No IES Terra de Turonio desenvólvese desde hai anos unha práctica continuada coa radio escolar onde o alumnado ten a posibilidade de realizar experiencias con este medio de comunicación. Radio Turonio ten producido programas para a experiencia de Ponte… nas ondas! e recibe persoas e grupos convidados para participar en diferentes programas. Ademais teñen realizado emisión en directo por Internet con motivo de eventos especiais como o Día Mundial da Radio ou a celebración das Letras Galegas.

Xornalismo na Escola pódese seguir en twitter co hastag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo entre o CPXG e a Obra Social “laCaixa”. As dúas primeiras edicións desenvolvéronse con grande éxito en 2016 e 2017 con máis de 150 obradoiros de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnas e alumnos da nosa comunidade.

A Obra Social “laCaixa” está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se veñen celebrando obradoiros de similares características.