A humanización de Marqués de Quintanar estará lista o próximo mes de maio

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Ángel Rodal e Jose Ángel Bahamonde supervisando as obras de Marqués de Quintanar.

As obras da rúa Marqués de Quintanar avanzan a bo ritmo e cumprindo todas as previsións. Segundo informou o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, tras supervisar os traballos xunto co concelleiro de Urbanismo, en poucos días estará a funcionar a iluminación pública e no próximo mes de maio xa se poderá gozar desta humanización.

Os traballos consisten na construción e instalación de novos pavimentos, beirarrúas e espazos verdes que contribúan á humanización da contorna. Así mesmo, instalarase mobiliario urbano, melloraranse as redes de abastecemento e saneamento conectadas á rede municipal, instalacións eléctricas e demais aspectos precisos para a completa urbanización.

O orzamento da execución total das obras ascende a 809.066,32 euros, asumido pola nova empresa adxudicataria do servizo de abastecemento da auga, Gestagua, xa que unha das cláusulas do convenio establece que a empresa debe investir 1.400.00 euros durante o primeiro ano en obras de mellora en saneamento e abastecemento de auga.

“Estou moi agradecido a toda esta zona coa colaboración e o apoio que están a mostrar, moi especialmente aos profesionais, que teñen que afrontar as incomodidades que supón unha obra desta envergadura, pero estou seguro que unha vez rematada todos estes sacrificios valerán a pena porque estamos a embelecer nosa Real Vila”, afirmou Rodal.