Vitoria do baionés Adrián Malheiro no inicio das Series Rotax 2018

Adrián Malheiro na primeira proba das Series Rotax 2018.

Este fin de semana disputouse o Campionato de Aragón e a primeira proba das Series Rotax 2018 no Circuíto Internacional de Zuera con 81 participantes e fíxoo cunha proba interesante e que finalmente se disputou sen choiva, o que permitiu que todas as carreiras puidesen realizarse en condicións de seco a pesar de comezar coa pista mollada.

O baionés Adrián Malheiro foi o gran triunfador na categoría Mini tanto no Campionato de Aragón como nas Series Rotax, tras ser o vencedor nas dúas carreiras. No rexional impúxose ao aragonés Darío Djodeyre e nas Series ao portugués José Barros e ao andaluz Yeray Vaello.

“Fin de semana cun óptimo resultado pero difícil, aínda me queda moito que aprender”, afirma o novo piloto do Praga España Motorsport.

Adrián Malheiro Suñe é natural de Baiona aínda que na actualidade reside en Tui. Fillo de pai portugués e nai española, empezou a practicar cunha pequena motocicleta cando só tiña dous anos. Máis tarde comezou a adestrar nas pistas de Porriño cunha Polini GP3.

Despois pasouse aos karts, creándose entón o Team Erizana, para ensinar e seguir a Adrián na súa progresión, e alugando un box permanente nas pistas de Porriño para que o pequeno piloto puidese adestrar. Case de inmediato comezou a participar en eventos en Galicia e Portugal.

Conta no seu palmarés con máis de 30 podios en categorías nacionais en Portugal. Campión das Series Rotax 2014, 2015, 2016, 2017, Campión Nacional de Portugal 2016, Campión Copa Mojo 2014, 2015, foi fichado a principios do ano 2017 por Praga España Motorsport.

Anuncios