Un contacontos de Lohengrín inicia en Nigrán o mes dedicado ao fomento da lectura

O Concello de Nigrán, en colaboración coa librería especializada en literatura infantil e xuvenil “Donde viven los cuentos”, inició este sábado co contacontos de Lohengrín o mes dedicado á promoción da lectura entre os máis pequenos. Así, todos os sábados do mes ás 12:00 horas na Praza do Concello haberá unha sesión de contacontos para os cativos.

Carla Muñoz, de “Donde Viven los cuentos”, foi a responsable de deseñar toda a programación dos contacontos dos sábados, que continuarán o sábado 14 con Loreto Pertíñez, Miguel Ángel Alonso Diz o 21 e Matrácala o 28. A maiores, a propia Carla realizará o contacontos do día 23 na Biblioteca Municipal (Día do Libro) e os luns nos colexios públicos de Nigrán que o solicitaron a través do Concello.

A programación complétase coa actividade “Fíos do Querer” de Cé Orquestra Pantasma a tarde do venres 27 na Praza do Concello, que irá acompañada dun obradoiro de xogo libre con material natural non estruturado. “Fíos do querer” é unha actividade para xogar, cantar e bailar cos nenos de colo, que gozarán de nanas de primeiras palabras, para arrolar, para dar bicos, facer palmiñas, virar, saltar… O punto e final á programación será o sábado 28 co contacontos a mediodía na Praza do Concello e pola tarde co obradoiro “pintando a música” baseado no imaxinario de Hervé Tullet e dirixido a familias e nenos a partir de 5 anos. Tullet é recoñecido en Francia como o “Príncipe dos libros de Preescolar”.

2018-04-07 - image1 (2)

Anuncios