Sin categoría

O BNG reclama que se expropien os terreos do Cámping da Ladeira e se busque unha reubicación

En relación ás últimas informacións relacionadas coa permanencia dos bungalows ilegais no Camping Baiona Playa, o Grupo Municipal do BNG-Asembleas Abertas en Baiona non só manifestou e acudiu como demandante diante desta situación, senón que propuxo en todo momento que a única opción válida sería a expropiación dos terreos, vendidos no seu día polo Estado Español, e a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin de establecer unha situación alternativa á actual.

“A situación de irregularidade dos bungalows non é nova e senón se repuxo a legalidade aínda foi porque a dirección do Cámping e diversos gobernos municipais, en maior ou menor medida, actuaron en colaboración para que non se acadase unha resolución firme. Non se escapa tampouco á arbitrariedade xudicial, nada parcial nas súas resolucións, que permitiu que unha cuestión xulgada e sentenciada desde o ano 2.001 continúe aínda sen executarse”, sinalan os nacionalistas.

Xa no recurso contencioso-adminsitrativo que o BNG presentou no ano 2014 sinalábase que na demanda e no escrito de conclusións o Cámping Baiona Playa solicitaba que se lle concedera a oportunidade de iniciar un proceso de legalización, cando precisamente non podían dar queixa da laxa actuación administrativa e das oportunidades concedidas para iniciar o dito proceso de legalización. De feito este procedemento estivo suspendido durante un ano para dar unha nova oportunidade ao tan mencionado proceso de legalización que unha vez máis se viu abocado ao fracaso. De feito, no seu escrito de conclusións contestou ao BNG, en lugar de rebater ao Concello de Baiona. O tempo que se pediu só tiña unha finalidade, volver a gañar tempo e seguir explotando o Cámping. “Volve o Xulgado do Contencioso-Administrativo, coa resolución actual, a facilitar esta estratexia, demorando até o infinito unha situación ilegal que beneficia ao infractor. A xerencia do Cámping Baiona Playa rise da xustiza, do Concello de Baiona e por extensión de todos os baioneses e baionesas. Si realmente houbese unha intención de legalización por parte da infractora, esta debería solicitar unha licenza e presentar un proxecto técnico completo. Non o fai porque lle convén que non se resolva a cuestión fundamental: a manifesta ilegalidade da instalación dos bungalows nun espazo protexido”.

O BNG non quere que Baiona deixe de contar cunha infraestrutura hoteleira que é beneficiosa para o turismo, precisamente por iso mesmo demanda o cumprimento da legalidade. “Só a través duns servizos turísticos sostibles e respectuosos co noso entorno Baiona pode seguir sendo un destino turístico sen igual. A única solución válida é recuperar a titularidade pública duns terreos incluídos na Rede Natura 2000 e a presentación dunha alternativa no Plan Xeral de Ordenación Municipal que permita o traslado ou a situación dun novo campo na contorna da parroquia de Santa Cristina, proceso que debe realizarse en constante diálogo entre todas as Administracións Públicas e a veciñanza de Baiona”.

Para o BNG, se o Goberno Municipal quere deixar de facerlle o xogo dilatorio a quen incumpre a sabendas a legalidade, “debe asumir a responsabilidade e sumarse a unha demanda xa clásica do BNG, instar ao Goberno do Estado para que expropie os terreos que no seu día vendeu (instancia que reclamou en varias ocasións o BNG no Congreso dos Deputados) e modificar o PXOM para posibilitar que siga existindo un cámping na nosa localidade”.

O Grupo Municipal do BNG agarda que non teña que suceder como no caso do campo de golf, onde o Goberno Municipal do Partido Popular tivo que aceptar os postulados que manifestou o BNG no seu programa electoral, aceptándoos só cando xurdiron as demandas veciñais, en troques de actuar responsablemente e poñendo os intereses de baioneses e baionesas por riba dos dunha empresa privada.