Os comuneiros do Val Miñor decidirán este sábado se apoian a manifestación contra a nova Lei de Montes

O sábado día 7 de abril a Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común do Val Miñor convoca a súa asemblea anual en Vincios as 20:00 horas. Entre outros temas tratarase a proposta de manifestación por parte da Organización Galega de Montes e a posible participación na mesma das comunidades do Val Miñor.

Os comuneiros entenden que coas últimas modificacións da Lei de Montes Veciñais en Man Común o goberno galego pretende poñer en marcha os pasos para a privatización dos montes veciñais en man común para que desapareza do noso país esta forma de propiedade comunitaria que temos os galegos e galegas. Polo tanto, o monte só interesa para a implantación de aproveitamentos agresivos, que non xeran valor engadido, ou equipamentos e instalacións para as elites (campos de golf, centros comerciais, urbanizacións de luxo,…).

Polo que, dende a ORGACCMM se propón a realización dunha grande manifestación en oposición a esas medidas, o vindeiro domingo 22 de Abril de 2018, ás 12:00 horas en Santiago de Compostela, con saída dende a Estación de Renfe. Esta proposta está sendo trasladada a todas as Mancomunidades de Galicia para que amosen o seu parecer.

Anuncios