Manifesto Miñor culpa ao alcalde da paralización dos proxectos dos seus concelleiros

Dende Manifesto Miñor, nun escrito remitido ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, esixen que asuma a súa responsabilidade como rexedor de todas as veciñas e veciños de Gondomar e traballe con lealdade e cooperativamente para sacar adiante os proxectos dos concelleiros do grupo que ten parados no seu despacho: o PXOM, sete meses bloqueado en Alcaldía pola negativa do Alcalde de asinar a cesión do contrato á nova empresa redactora; o Centro de día, dous anos bloqueado, sen motivo, pois conta con todos os informes favorables do persoal técnico municipal; e o Regulamento de Participación Cidadá, ano e medio bloqueado pola negativa do Alcalde de incluílo na orde do día do Pleno Municipal para a súa aprobación definitiva.

O Goberno Municipal que Vde. preside e do que nós formamos parte por dereito propio, hai tempo que ten un serio problema de comunicación, que na práctica, estao a facer inviable. Obxectivamente é responsabilidade súa, toda vez que lle corresponde a Vde. como Alcalde exercer de árbitro, propiciar o encontro e, como consecuencia chegar aos acordos. Este labor é inherente á alcaldía independentemente da situación numérica do goberno, imprescindible cando o mesmo é un goberno de coalición e por riba en minoría. Lamentablemente nada disto se produce pois Vde. refractario a eses principios por máis que desde Manifesto Miñor llelo reclamásemos dende hai anos. Lembre que despois do 31 de xaneiro de 2016, cando a marcha dos compañeiros de CABE do goberno municipal, acordamos manter unha xuntanza de coordinación todos os luns ás 10:00 horas, e ata hoxe nin unha soa tivo lugar polos desplantes que Vde. nos deu malia a estar o noso Voceiro, o Sr. Araújo, puntualmente agardando durante un mes á porta do seu despacho.

Pretender gobernar un Concello (aínda que fose monocolor) pola vía do “mando e ordeno” sen debater ou sen contrastar as diferentes propostas dos grupos que convivimos no mesmo ou, entendendo a discrepancia ou a crítica social ou veciñal coma unha agresión a súa “autoridade”, ademais dun erro político e estratéxico evidente, demostra actitudes pouco democráticas. As súas reaccións a recentes acontecementos así o demostran: “expulsar” a Espazo Lectura da Biblioteca Municipal polo feito de reclamar consenso nas actuacións levadas a cabo na mesma; a retirada do coche de Servizos Sociais pola recomendación de MM de devolver as quilometraxes indebidamente cobradas, etc… por non falar do “puenteo” ao concelleiro de Urbanismo no asunto do Polígono Industrial de A Pasaxe, por certo, unha das persoas que máis sabe dese asunto por ser no seu mandato como alcalde, e despois de 40 anos de inacción, cando se deron os primeiros pasos en firme e os consensos imprescindibles, para legalizar e ordenar unha situación ata entón inviable…

O desprezo e ninguneo permanente polas áreas e polo traballo do Grupo Municipal de MM é máis que evidente, acentuándose nos últimos meses e sería unha listaxe interminable. Todas aquelas iniciativas de MM que dependen da súa decisión final ou sinatura, son atrasadas sen xustificación ata o límite de facelas de difícil viabilidade.

Grazas á teima de MM, á nosa responsabilidade e ao noso compromiso coa veciñanza, imos conseguindo con moito esforzo sacar adiante as nosas propostas, como proxectos do goberno, sen protagonismos e pensando sempre no ben común. Proxectos dos que sempre informamos e sometemos á consideración do goberno municipal, por certo, sen reprocidade pola súa parte.

Indo ás cousas importantes para Gondomar, que son aquelas que poden mellorar as condicións de vida dos veciños, ou aqueloutras que amplíen os seus dereitos cívicos, é dicir, as cousas importantes que fan progresar ás sociedades e marcan as diferenzas cos gobernos da dereita, algún deses proxectos levan máis de dous anos paralizados por Vde. sen reparar nos prexuízos e nas consecuencias negativas que iso supón para os intereses de Gondomar como Concello e como comunidade humana… En MM sabemos distinguir a sociedade virtual na que algúns viven da sociedade real á que nos debemos e para a que traballamos. Confundir estas dúas circunstancias estao levando a Vde. a ignorar o dano desas paralizacións.

En chegando a este punto, Manifesto Miñor vese na obriga política de lle EXISIR explicacións urxentes sobre seus incumprimentos que contrastan coa nosa colaboración leal con Vde. e co Grupo Municipal do PSOE. Esiximos respostas para valorar se ao noso esforzo no goberno municipal paga a pena, e para saber se está Vde. disposto a lle dar cumprimento ao Pacto de Goberno asinado en 2015. Resumindo:

1º.- PXOM: A importancia deste documento para o futuro de Gondomar é incuestionable, e neste asunto existe un consenso maioritario, tanto social como político, sobre a urxencia de sacalo adiante neste Mandado. A apertura do debate público creou unhas expectativas (600 suxestións e máis de 1000 veciños participantes nas asembleas veciñais) ás que non se lle está respondendo convenientemente. Ao primeiro atraso, que Vde. mesmo recoñeceu publicamente, tiveron que ver coas súas dúbidas, temos agora outro de peor fasquía e de xustificación espúrea, por non querer Vde. darlle a baza política ao concelleiro de Urbanismo. Vaia torpeza!!… A desculpa do reparo de intervención sobre a non vixencia do contrato con EPTISA é unha cortina de fume para telo paralizado pola razón antes citada. Co argumentario do concelleiro de Urbanismo, e sobre todo co informe independente da UDC que Vde. ten no seu poder dende hai 5 meses, podería ter asinada sen ningún problema a cesión do contrato de “EPTISA” para “Alfonso Botana S.L.” e continuar coa tramitación do PXOM. Un levantamento de reparo que está disposto a facer o Tte. de Alcalde como Vde. sabe e como así foi publicado en diversos medios de comunicación. Imaxine Vde. que a maiores se perden os 224.000 € da subvención da Xunta para a redacción do PXOM?.

2º.- CENTRO DE DÍA: Outra necesidade básica para Gondomar e amplamente demandada por ducias de familias. Un centro de día público, xestionado por unha cooperativa de traballo social que leva 2 anos agardando pola súa decisión e prace, e que a maiores conta coa aquiescencia dos técnicos municipais que non lle ven problemas de tipo legal ou urbanístico. Volvemos ás mesmas: non lle dar bazas ao socio de goberno.

3º.- REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN VECIÑAL: Está aprobado inicialmente dende… e consensuado con todos os grupos municipais. Conta cos informes favorables da Secretaría Xeral Municipal, e o que é máis importante, coa aprobación do movemento veciñal de Gondomar. A súa aprobación e entrada en vigor está expresamente recollida no Pacto de Gogerbo asinado en Xullo de 2015. Neste caso as razóns da súa non inclusión na orde do día dun Pleno teñen que ver coa adversión que Vde. lle ten aos veciños organizados, unha actitude impropia dun alcalde socialista e máis propia de alcaldes de dereitas e caciquís.

Agardamos unha pronta resposta a estas cuestións, para nós imprescindibles, e así poder valorar o noso papel no goberno municipal con coñecemento de causa como xa se dixo neste escrito. Reciba un cordial saúdo.

En Gondomar, a 2 de Abril de 2018.
Asinado por mandato da Asemblea de “Manifesto Miñor” e en representación do Grupo Municipal.
Antonio Araújo Quintas.

Anuncios