72 ofertas técnicas para a recuperación de catro espazos públicos de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Rúa Mariñeiro.

A Mesa de Contratación abriu as 72 ofertas técnicas presentadas para catro actuacións en diversos espazos públicos do municipio de Nigrán incluídas dentro do Plan Concellos 2016 e 2017. Para as obras da Praza Pública do Torreiro de Parada presentáronse 20 ofertas, á obra de Humanización da Rúa do Mariñeiro, 13 ofertas, á Remodelación da Rúa do Caranquexo, 16 ofertas, e ao Parque Ana Isabel Costas, 23 ofertas.

Nas catro obras trátase da recuperación de catro espazos públicos en estado de abandono ou moi deteriorados nas parroquias de Priegue, Panxón, Parada e San Pedro que dan continuidade ás que estanse iniciando neste mes de abril no Torreiro de Priegue, no Parque Vázquez Grela ou no fin da urbanización da Rúa San Roque de Camos.

O proxecto da Praza do Torreiro de Parada conta cun prazo de execución de dous meses e contempla a recuperación para o uso público de toda a contorna do torreiro entre as rúas Camiño da Igrexa e Santiago de Parada. Actualmente, este espazo está visiblemente deteriorado e envellecido, presenta distintos tipos de pavimentos e carece de iluminación, evacuación de augas pluviais ou mobiliario urbano. Por este motivo, e co fin de reverter esta situación, o Concello de Nigrán pretende cambiar a rasante de “trasdós” do muro de pedra para crear unha única pendente, substituír parte da calzada de aglomerado por losetas de granito e dotar de iluminación e mobiliario urbano a toda a parcela, ademais de mellorar a seguridade viaria. A intervención, valorada en 91.000€, permitirá potenciar o miradoiro, poñer en valor o muro de pedra actual e na zona de arriba, no cruceiro, crear un xardín.

Na Rúa do Mariñeiro, cunha valoración de 282.351,94€, as actuais beirarrúas son estreitas e en mal estado e incumpren a normativa de accesibilidade, polo que aumentarán de 1,50 a 1,80 o seu ancho e daráselle continuidade peonil cun novo pavimento a base de formigón pulido coloreado. Ademais, mellorarase a instalación de evacuación de pluviais, xa que presenta problemas de estancamento de augas os días de fortes precipitacións (a rede de saneamento será separativa). Por outra banda, tamén se mellorará a contorna coa implantación de alumeado público con luminarias LED que supoñerán unha mellora na eficiencia e aforro enerxético, así como menor contaminación luminosa sen prexudicar á seguridade do peón. A nova iluminación será un elemento característico e diferenciador na futura Rúa Mariñeiro, así, o fuste dos próximos farois será de aceiro inoxidable con acabado brillante e, en corte láser, representarase no mesmo o nome da rúa polos dous lados e o escudo do Concello de Nigrán.

O Parque da Rúa Ana I. Costas en Poutón, San Pedro da Ramallosa, licitado por 113.253,14 €, contempla a creación dun gran parque infantil e deportivo na contorna da rúa Ana Isabel Costas, ao lado do campo de fútbol municipal de Vilariño. Cun prazo de execución de 5 semanas, será este o primeiro espazo destas características na zona de San Pedro e con el se cumprirá cunha vella demanda veciñal. O novo espazo contará cunha pista multideportes de 21,19×11,04 metros de formigón pulido con peche perimetral de 1 metro de altura en taboleiro de polietileno pola súa gran resistencia ao impacto e facilidade á hora de eliminar pintadas. A portería, coas dimensións regulamentarias, contará con rede antivandálica (feita con barrotes de aceiro inoxidable), tamén disporá de canastras para xogar ao baloncesto. Toda a pista estará iluminada con columnas.

Ademais, a zona de recreo estará dotada de bancos para o descanso de madeira con perfís metálicos, papeleiras e dúas fontes e a zona infantil contará con elementos de xogo como columpios, balancíns, e casiñas modulares sobre unha superficie de caucho. Ao lado da pista multideportes situarase unha gran tirolina.

A reordenación da Rúa do Caranquexo en Prado (Priegue), cun orzamento inicial de 62.772€, supoñerá a reordenación do tramo final desta rúa moi frecuentada por estar a pé da Praia das Canas (Prado) e por ser un espazo recoñecido e utilizado todo o ano para a práctica do surf.

O próximo mércores 11 de abril abriranse as ofertas económicas que darán por concluída a tramitación para a contratación definitiva de ditas actuacións.

Anuncios