BNG: “Serviocio estivo a xogar coa Mancomunidade coa colaboración expresa da súa Xunta de Goberno”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno da Mancomunidade do Val Miñor.

A Mancomunidade do Val Miñor adxudicou este mércores o servizo da piscina da Ramallosa a Serviocio Cultura, Deporte e Recreacións SL, ao resultar gañadora na oferta pública de contratación. A empresa dispón agora dun prazo de dez días para a presentación da documentación acreditativa da súa finalidade e organización, solvencia técnica, financeira e profesional, etc., e a súa capacidade de obrar como empresario.

O trámite de adxudicación da piscina mancomunada comeza desta maneira a ver o seu fin, mais para o BNG deixa ver como a actual empresa concesionaria estivo a xogar coa Mancomunidade, coa colaboración expresa da súa Xunta de Goberno.

O BNG foi o único en presentar alegacións e manifestar reparos no xeito de renovación da concesión. Cando a Xunta de Goberno estimou parcialmente estas alegacións, seguiu sen aceptar a realización dun estudo para a viabilidade dunha xestión pública do servizo, sen necesidade de licitar unha concesión. Así mesmo, manifestou as súas reticencias no estudo económico presentado pola empresa, quedando manifestamente demostrado que a concesión ten o suficiente marxe de beneficio como para asumir as inversións que o BNG demandaba (vestiario para o persoal, vaso pequeno na piscina e medidas de climatización sostibles), así como establecer a esixencia da calidade na contratación. A empresa concesionaria mantivo un conflito laboral co seu persoal cando non tiña ningún tipo de limitación económica no tocante á súa rendibilidade.

Así, para os concelleiros nacionalistas Xosé M. Marcote e Xavier Rodríguez, demostrouse absolutamente irreal a esixencia dun 1%, cun mínimo de 10.000 €, anuais. Sobre esta cuestión o BNG demandou establecer un mínimo para evitar a tentación de que a empresa concesionaria condicionase ou usos e servizos da piscina mancomunidade en favor das súas instalacións en Baiona. O argumento do daquela Presidente da Mancomundidade (Alcalde de Baiona) foi que non podían elevarse moito as esixencias, xa que podería quedar o concurso deserto. A realidade demostrou o afastado que estaba nestes argumentos.

“Todo se debe a que o estudo económico en nada se axusta á realidade, que o potencial da piscina mancomunada é enorme e que nestes últimos anos estívose desatendendo á mesma para darlle apariencia de actividade non tan rendible”, sinalan desde o BNG.

Así mesmo, en opinión dos dous concelleiros o informe de avaliación da documentación técnica elaborado por ADANTIA, a pesares de que non tivo custe, xa que a súa elaboración ía incluída no custe do estudo técnico anteriormente redactado, semella innecesario, en tanto en canto puido terse elaborado polo propio Tribunal da Mancomunidade. “Non semella moi acaído que unha empresa privada teña que contratarse para realizar un informe de avaliación da documentación técnica cando se trata duns termos tan sinxelos como valorar medios de acceso e de comunicación entre os usuarios e a concesionaria. O certo é que logo do estudo económico tan afastado da realidade non debéramos darlle tampouco moita credibilidade”.

Por todo isto o BNG abstívose neste paso previo á adxudicación definitiva, en tanto en canto se evidenciaron demasiados defectos no desenrolo deste proceso. A proposta contou cos votos a prol de PP e PSOE, a abstención de CABE, BNG e Nigrán Decide, e o voto en contra de Manifesto Miñor.

A vontade e compromiso do BNG cara 2023 é que si está nas súas mans a decisión, estudarase a posibilidade da xestión pública e a elaboración dun estudo económico que mellore as instalacións e servizos, nomeadamente a construción dun vaso pequeno na piscina, un vestiario para o persoal e a incorporación de formas de climatización máis eficientes e sostibles.

Anuncios