
O Concello de Nigrán convoca a licitación pública para a adxudicación da explotación dos servizos de tempada de verán nas praias do municipio. Trátase de nove postos de venda, sete de xeados, refrescos e alimentos para Patos (2), Area Fofa (1), A Madorra (1), Panxón (1) e Praia América (2), e un posto de venda de churros e outro de aluguer de escola de esquí náutico e vela para Praia América.
Os postos non poderán superar os 20 metros cadrados de superficie e terán que estar construídos con madeira. A súa instalación deberá harmonizar coa contorna mediante materiais adecuados, de boa calidade e aspecto estético, e en bo estado de conservación. O mobiliario será de madeira ou tea, de deseño uniforme. Prohíbense expresamente os mobles de plástico ou de cores estridentes e non conterán saíntes ou marquesiñas de altura inferior a 1,9 metros.
As propostas deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Nigrán dentro dos 15 días seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP) (2 de abril de 2018). Os licitadores terán que presentar dous sobres, un coa oferta económica, e o segundo coa declaración responsable. Non se poderá optar a máis de dous postos. A adxudicación será polo período comprendido entre o 1 de maio e o 30 de setembro, e o horario de funcionamento será desde as 10:00 ata as 23:00 horas.