Anuncios
Ticker de novas

Nigrán acolle a terceira edición da Clásica Manuel Alfaro

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // II Clásica Manuel Alfaro.

O vindeiro sábado, 7 de abril, terá lugar en Nigrán a terceira edición da Clásica Manuel Alfaro, evento de regularidade para vehículos clásicos organizado pola familia do lembrado piloto de clásicos que lle dá nome, contando coa colaboración da Escudería Vigo Clásicos e co apoio imprescindible e incondicional dun gran número de patrocinadores e colaboradores como Administradora O Castro, Organiza T, Concello de Nigrán, Cimalab, CimaClassic, Rodovigo, Fontanería Varela, NX Sport, Instalaciones Guixar, Galides, Concello de Tui, Aguasana e, non menos importante, Adega Crego e Monaguillo.

Os máis de 40 vehículos participantes concentraranse no parque pechado, situado este ano no Recinto de Festas As Angustias en Nigrán, a partir da 12:00 do mediodía. Alí poderanse ver vehículos clásicos habituais nos rallyes dos anos setenta e oitenta como Sunbeam Alpine MKII, Opel GT, Porsche 911, Seat 600 Abarth, Ford Escort, Renault Alpine A310, Seat 124, Authi Mini GT, Toyota Celica… e outros moitos.

Todos os vehículos participantes teñen máis de 30 anos de antigüidade. Os coches empezarán a saír do parque pechado a partir das 4 da tarde, circulando de minuto en minuto, para percorrer diferentes estradas de Nigrán, pasando, entre outros lugares polas famosas curvas de As Baleazas, tramo do Rally Rías Baixas. A partir de aí sairán en dirección Valladares para seguir ruta cara a Pontellas, Budiño, Tui, onde realizarán unha parada sobre as 6 e cuarto da tarde no Paseo da Corredoira, por cortesía do Concello de Tui, para repoñer forzas e continuar cara a Malvas, Tebra, Torroña e Oia, onde terminarán o seu percorrido no Restaurante “Lugar”, para pasar á cea de fin de rally e cerimonia de entrega de premios.

Anuncios