A semana pasada iniciáronse as obras de renovación total das tubaxes do CPI Cova Terreña. Desde o Concello enviouse á empresa concesionaria do servizo da auga para verificar o estado das canalizacións tras sufrir unha avaría. Analizada a situación, a Concellería de Educación tomou a decisión de substituír e mellorar tanto a rede de abastecemento como a de saneamento e púxose en contacto no Xefe Territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, para dar prioridade ás obras e iniciar os traballos cuantos antes.
Trátase dunhas obras de gran magnitude pois ademais da renovación total da rede de abastecemento e saneamento, as intervencións tamén mellorarán a rede de pluviais xa que se separarán as augas da parcela para poder tratalas de maneira diferenciada. “Puxémonos en contacto coa Xefatura Territorial de inmediato porque queriamos levar a cabo as obras de renovación integral coincidindo coas vacacións de Semana Santa”, detallou a Concelleira de Educación.
Ignacio López Chaves, Delegado da Xunta en Vigo, desprazouse ata o centro para coñecer de primeira man o estado das obras. O delegado estivo acompañado polo Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, quen lle estivo explicando detalladamente a intervención. “Trátase dunha obra importante. Tras a comunicación da avaría e analizada a situación, apostamos por unha renovación integral. É por iso que coincidindo coa Semana Santa, aproveitando o parón vacacional, procedeuse a substituír toda a rede de canalizacións exteriores”, apunta o Alcalde.
A Xunta financiou as obras con 10.000 euros dos 17.000 que supón o total. A parte restante será asumida pola Concellería de Educación do Concello de Baiona.

