Anuncios
Ticker de novas

Sorte dispar para as procesións do Venres Santo

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Procesión da Esperanza en Gondomar.

As choivas continuaron durante a xornada do Venres Santo acompañadas nalgunhas ocasións por fortes ventos, provocando que algunhas das procesións programadas na comarca non puidesen saír á rúa. A parroquia de Santa Eulalia de Camos, en Nigrán, celebrou o Desencravo de Cristo, unha das súas tradicións máis antigas recuperada o pasado ano tras décadas sen celebrarse, e onde ademais o tempo permitiu a saída da procesión.

En Baiona, tras a celebración da Paixón do Señor e a Adoración da Cruz, as precipitacións e os refachos de vento obrigaron a cancelar pola tarde a Procesión do Santo Enterro e pola noite a da Soidade. Ante a imposibilidade de saír ao exterior, as imaxes deron tres voltas polo interior da Igrexa Parroquial, onde o Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretou o Miserere e unha Pregaria á Virxe.

Na Real Vila, a Semana Santa chegará ao seu fin o Sábado Santo coa celebración da Vixilia Pascual, ás 20:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 22:00 horas na Igrexa Parroquial.

En Gondomar, unha pequena tregua permitiu a celebración da Procesión da Esperanza, despois da Misa da Morte do Señor, con Lectura da Paixón, Solemne Oración de Fieis, Adoración da Cruz e Comuñón. As imaxes saíron da Igrexa de San Bieito para percorrer as rúas Párroco Carlos Fernández, San Bieito, Cruz de Mera, Manuel Losada e de novo Párroco Carlos Mariño, para finalizar de novo no templo.

O Sábado Santo arrancará na Vila Condal ás 9:00 da mañá, con Laudes e Meditación con María. Pola noite, ás 22:30 horas, comezará a Vixilia Pascual, coa bendición do lume e da auga, lectura dos grandes feitos da nosa Historia da Salvación, renovación das promesas bautismais e Eucaristía Pascual.

O Domingo de Gloria a Semana Santa chegará ao seu fin coa Misa Solemne de Pascua ás 12:30 horas, seguida da Procesión do Encontro e a Bendición Pascual. Pola tarde, ás 20:30, Misa de Pascua.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios