A choiva impide a saída das procesións do Xoves Santo en Baiona e Gondomar

A choiva impediu este Xoves Santo a saída das procesións previstas en Baiona e Gondomar. Na Real Vila, despois da celebración da Santa Misa da Institución da Eucaristía na Igrexa Parroquial, non se puido celebrar a Procesión dos Pasos, organizada pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia. As sete imaxes que mostran os Pasos da Paixón e Morte de Xesús tiveron que quedar na Capela da Misericordia.

Na Vila Condal, tras a celebración da Cea do Señor, a Procesión dos Catro Pasos tampouco puido percorrer as principais rúas do centro urbano. Xusto cando as imaxes dispoñíanse a saír para rodear a Igrexa de San Bieito, un chuvieiro obrigou a suspendela. A pesar de todo, realizouse unha pequena procesión e encontro das imaxes no interior do templo.

Semana Santa en Baiona

O Vía Crucis na Igrexa Parroquial iniciará a xornada do Venres Santo, ás 10:00 da mañá. A continuación, ás 11:30 horas, o Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretará os Cantos Penitenciais na Igrexa Conventual das Nais Dominicas. Pola tarde celebrarase a Paixón do Señor e a Adoración da Cruz, ás 16:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 18:00 horas na Igrexa Parroquial, desde onde sairá ás 20:00 horas a Procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Música de Baiona. O Coro de Homes “Voces Baionesas” interpretará o Miserere na Igrexa Parroquial á saída e na recollida. Ás 23:00 horas sairá desde a Igrexa Parroquial a Procesión da Soidade (só para mulleres). O Coro de Homes cantará unha Pregaria á Virxe antes de saír e ao recollerse.

A Semana Santa chegará ao seu fin o Sábado Santo coa celebración da Vixilia Pascual, ás 20:00 horas na Igrexa Conventual das Nais Dominicas e ás 22:00 horas na Igrexa Parroquial.

Semana Santa en Gondomar

O Venres Santo comezará ás 9:00 da mañá con Laudes e Meditación das “Sete Palabras de Xesús” e un Vía Crucis polo exterior do templo parroquial ás 12:00 do mediodía. Pola tarde, ás 20:30 horas, celebrarase a Morte do Señor, con Lectura da Paixón, Solemne Oración de fieis, Adoración da Cruz e Comuñón. Ás 21:15 sairá a Procesión da Esperanza, percorrendo as rúas Párroco Carlos Fernández, San Bieito, Cruz de Mera, Manuel Losada e de novo Párroco Carlos Fernández, para terminar na Igrexa Parroquial.

O Sábado Santo ás 9:00 da mañá, Laudes e Meditación con María. Pola noite, ás 22:30 horas, comezará a Vixilia Pascual, coa bendición do lume e da auga, lectura dos grandes feitos da nosa Historia da Salvación, renovación das promesas bautismais e Eucaristía Pascual.

O Domingo de Gloria a Semana Santa chegará ao seu fin coa Misa Solemne de Pascua ás 12:30 horas, seguida da Procesión do Encontro e a Bendición Pascual. Pola tarde, ás 20:30, Misa de Pascua.