Sin categoría

Baiona coloca tres bancos luminosos no novo miradoiro do porto pesqueiro

Cada vez son máis os lugares con vistas espectaculares nos que se decide poñer un banco. Pero pódese ir moito máis alá e Baiona non se conforma con colocar un simple banco, senón que instalou tres e con forma de estrela de cinco puntas e luminosos no mellor dos escenarios. Os novos asentos atópanse na fronte urbana do porto e permiten contemplar a Fortaleza de Monterreal e a baía sen obstáculos.

Operarios municipais procederon este martes á instalación do novo mobiliario urbano, que quedou integrado na contorna do novo miradoiro duns 500 metros cadrados na nova alameda e que pasou a ocupar o lugar da fileira de colectores que actuaba como barreira visual nun lateral orientado cara á Ribeira.

“Nos lugares con encanto como o é Baiona a rúa é un lugar para relacionarse e gozar. O espazo público foi sempre un lugar de encontro e descanso e isto témolo moi claro no Concello por iso quixemos completar a obra do porto pesqueiro con estes singulares bancos”, destacou o Alcalde.

Os novos bancos teñen forma de estrela de cinco puntas, evocan tanto á imaxe dunha estrela de mar ou unha estrela do firmamento que facían de guía aos navegantes no pasado. Na zona xa existen outros catro bancos convencionais pero o Concello quixo dar un toque máis informal e modernista á zona cos novos que ademais se iluminarán pola noite, dando tamén máis luminosidade á zona.

O novo mobiliario urbano está pensado para que o gocen todos aqueles que necesiten descansar e tamén aqueles que queiran deleitarse coas espectaculares vistas que ofrece. Desde os anciáns, as familias con nenos, os adolescentes atraídos pola súa peculiar forma… O seu obxectivo é regalar a todos os veciños e visitantes un lugar onde sentar, gozar das mellores panorámicas da localidade, e tamén, por que non, fotografalos e facelos famosos máis aló das nosas fronteiras. Máis aló de chegar ao banco, acomodarse e pousar ante a cámara do móbil, estes bancos atópanse coroando un lugar espectacular, digno de ver, coñecer en profundidade e gozar ao completo.