UCN denuncia a utilización política dos concelleiros do PP co urbanismo de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Antonio Fernández Comesaña, voceiro de UCN, nunha sesión plenaria.

O portavoz do partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia a utilización política que está a facer o Grupo Municipal do PP co urbanismo de Nigrán, utilizando non só o PXOM, senón agora tamén, a modificación puntual número 25 das Normas Subsidiarias do Plan Urbanístico (NNSS), “ante o bochorno vivido no pasado Pleno, no que coa súa actitude impediu aprobar inicialmente unha modificación que beneficia maioritariamente aos veciños de Nigrán”.

Para UCN é incomprensible que despois de anunciar no pleno de febreiro o seu voto afirmativo a unhas modificacións puramente técnicas, manifestando incluso os seus encomios aos técnicos municipais redactores do documento, que ademais na Comisión Informativa de Urbanismo do 8/2/18 votaron favorablemente, para logo desmarcarse no pasado pleno do 22 de marzo, “provocando coa súa abstención non só a non aprobación inicial da referida modificación das NNSS, sacando da manga un suposto informe da Xunta -que nin sequera tiveron a valentía de presentar-, para esconder a súa covardía política e falta de criterio, sen importarlles para nada prexudicar aos veciños, actitude que demostra a falta de credibilidade que vén demostrando o Grupo Municipal Popular durante toda a lexislatura, e que cada vez se asemella máis a unha banda, sen rumbo nin horizonte”, sinala Fernández Comesaña.

UCN lamenta que cunha actitude rencorosa e sectaria por parte do ex alcalde Alberto Valverde, “que cada vez máis demostra as últimas rabexadas dun cadáver político, non só facendo un fraco favor ao PP, senón prexudicando seriamente aos veciños que din representar. Parece que actúan máis como concelleiros de Nigrán Decide que do seu propio partido, facendo un seguidismo político de ND, cando menos rechamante”.

UCN pide publicamente explicacións ao Partido Popular de Nigrán, e que diga se apoia a actuación do seu grupo municipal, ou pola contra desautorízaos, “porque o seu silencio converteralles en cómplices e tamén responsables”. Recomenda tanto ao PSOE como PP que deixen de utilizar politicamente o urbanismo como arma arreboladiza e de confrontación, “fíxoo en 2006 o PSOE e parece que agora o quere facer tamén o PP”.

Fernández Comesaña sostén que o futuro urbanístico de Nigrán pasa pola aprobación dunha novo PXOM, “que lamentablemente o PSOE será incapaz de aprobar nesta lexislatura, dado que lamentablemente queda aínda un tortuoso camiño por percorrer e cun horizonte bastante afastado para a súa aprobación definitiva. Cremos que esta modificación das NNSS non é ningunha panacea, pero si un parche que permitirá funcionar con máis seguridade xurídica aos técnicos municipais e facilitar mellores condicións urbanísticas aos veciños, que están a soportar as consecuencias dunha falta de xestión lamentable”, sostén o portavoz independente.