Anuncios
Ticker de novas

O BNG de Nigrán reclama a publicación do borrador dos orzamentos e que se volvan levar a pleno

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Xavier Rodríguez.

No BNG de Nigrán consideran unha grave irresponsabilidade o acontecido na derradeira sesión plenaria na que non se chegaron a debater os orzamentos, tras ser aprobada a súa retirada á proposta do PP. “A razón esgrimida para deixalos sobre a mesa é tan peregrina e rebuscada como que deben ser sometidos á consideración dun Consello de Participación que nin existe nin se albisca a súa creación”, afirma Xavier Rodríguez.

No ámbito da participación e da transparencia, solicita ao rexedor que publique o borrador dos orzamentos na web do Concello, tal e como fixo fai dous anos, precisamente pola esixencia do BNG, co obxecto de que calquera colectivo ou particular poida facer achegas ou suxestións. “Se o que se busca verdadeiramente é a transparencia, consideramos que esta é a forma máis factible e práctica de facelo nas circunstancias actuais, non invocando a un órgano inexistente e do que os outros grupos da oposición non se lembraron até o momento actual”, engade o portavoz do BNG.

“Para a nosa sorpresa, á rocambolesca proposta do PP, adheríronse UCN e Nigrán Decide, subtraendo do debate público o documento máis importante do exercicio, como é o orzamento. A isto hai que engadir a incapacidade do alcalde para acadar os consensos necesarios para a súa aprobación, rematada coa súa intención expresada publicamente de renunciar definitivamente ao seu debate”.

“Cremos que a irresponsabilidade do alcalde, unida á coincidencia de intereses da dereita e Nigrán Decide por pura estratexia electoral, comprometen ou dificultan gravemente inversións e actuacións moi importantes para Nigrán, coma a tan necesaria mellora da dotación do GES, na que tanto se implicou o BNG, ou actuacións imprescindibles en materia de renovación urbana”, conclúe o concelleiro nacionalista.

Anuncios