Sin categoría

Unha marea de voluntarios enchen de vida os montes de Chandebrito

Unhas 650 persoas de diferentes localidades de Galicia déronse cita este sábado na parroquia nigranesa de Chandebrito, onde a Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños “O Castro” organizaron as Xornadas Ambientais “Manda Carballo”, co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, e de forma moi especial, do Concello de Nigrán. Tamén colaboraron entidades como Abanca, Viveros Veraleza, que achegaron 4.670 árbores dos 8.670 que se plantarán en total, Viveiros Adoa, UXT Galicia e Galicia Ambiental, a máis diso outras moitas asociacións e a achega económica desembolsada polos comuneiros e a asociación veciñal de fondos propios.

As actividades sucedéronse nunha carpa situada no campo de fútbol da parroquia, cun amplo programa que se prolongou ao longo da xornada. Tras a inscrición e recepción de participantes e a actuación do grupo de gaitas “O Castro” de Chandebrito, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto cun titor especializado, impartiu un obradoiro de como plantar unha árbore coa súa correspondente protección. A continuación, xunto co alcalde de Nigrán, Juan González, e o presidente dos dous colectivos organizadores, Víctor Vidal, descubriron unha estatua doada pola Escola de Cantería, de “Ofrenda aos bosques”, que será colocada na zona do local social.

Nas charlas didácticas, 12 relatores das entidades colaboradoras, desde un punto multidisciplinar, deron unha idea clara de Chandebrito e o funcionamento das súas entidades máis representativas a aquelas persoas que acudiron desde fóra da parroquia. Tras a comida, a base de callos elaborados por Coren, chegou o momento máis importante das xornadas, a plantación dos máis de 8.000 árbores autóctonas.

“Plantáronse ao redor de 6.000 árbores, non podendo ser máis porque se botou a noite encima”, sinala Víctor Vidal. As plantacións, fixéronse en 3 zonas da parroquia: Chans de Rapadouro, A Penis e Castro Lapela, cun total de 15 hectáreas arborizadas con diferentes especies autóctonas, maiormente carballos, castiñeiros, nogueiras, cerdeiras, maceiras e perais.

Durante as xornadas tamén se entregaron un total de 9.125 euros a catro familias de Chandebrito afectadas nas súas vivendas polos incendios, recadados grazas á organización de actos benéficos. Tras a cea, de novo cos callos de Coren, a actuación do grupo La Escalera de Vigo puxo a guinda ao evento.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.