Sabarís celebra a 11ª edición do Mercado de Arte

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Mercado de Arte en Sabarís.

Este domingo 25 de marzo a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA) organiza de 10:00 a 21:00 horas a 11ª edición do Mercado de Arte na Praza de Abastos de Sabarís e a Praza Victoria Cadaval.

Máis de 500 obras de pintores, escultores e fotógrafos estarán en exposición e venda, así como un posto de libros de segunda man sobre arte, pintura, escultura, fotografía e patrimonio.

Ademais diferentes actividades desenvolveranse ao longo do día dentro dunha Xornada Artística Solidaria de Arte co Queimado a beneficio dos montes de Baiona. De 10:00 a 18:00 horas haberá 8 escultores traballando en vivo creando formas in situ: Bucaneiro, José Ucha, Pedro Sardiña, Remigio Davila, Rosendo González, Ruth Lodeiro, Víctor Lorenzo e Juan Coruxo.

Ás 11:30 da mañá Irene Silva realizará un obradoiro de escultura para nenos na que todos participarán esculpindo unha obra, e ás 18:00 horas realizarase unha homenaxe aos pintores de Sabarís: Ana Legido, Armando Guerra, Fernando Quesada e Fino Lorenzo. Todo iso amenizado con música ambiental, e pola tarde servirase un chocolate con boleardo.

O evento conta coa colaboración de OVALMI, Castro e Ladeira, o Concello de Baiona e a Comunidade de Montes de Santa Cristina.

Anuncios