“Pan-Tajo” do Parador de Baiona gaña a gran final do concurso “Vindetapas”

O Auditorio do Museo do Mar de Galicia acolleu este xoves a gran final do concurso “Vindetapas”, impulsado pola Secretaría Xeral de Cultura coincidindo coa estancia do Pergamiño Vindel en Vigo, e que se celebrou nos meses de xaneiro e febreiro en catro localidades da Ría: Redondela, Baiona, Cangas e Vigo.

Un total de 9 participantes por cada concello mostraron as súas propostas durante 10 días con gran éxito, e de cada un dos concursos, o xurado profesional elixiu a un de cada municipio para participar na gran final: “Mijo Verde” de Café Bar Os Amigos en Redondela, “Pan-Tajo” do Parador de Baiona, “Trufa de Caza” de Ristorante Il Popolo en Cangas e “Cantar de bacallau e bocareu afumado, meu amigo” de Ruxe Ruxe en Vigo.

Os catro finalistas tiveron que elaborar e presentar as súas tapas en directo, ante o público asistente e especialmente ante un xurado profesional formado por seis persoas, entre eles tres cociñeiros, presidido por Miguel González Quintela do Restaurante Gastro-Bar Sanmiguel e último gañador de «De Tapas por Galicia». O xurado decidiu que a mellor tapa de “As cociñas do pergamiño Vindel” foi “Pan-Tajo” do Parador de Baiona, elaborada polo chef Miguel Rodríguez.

O acto estivo presentado polo xornalista gastronómico e coordinador do concurso desde Elemental Chefs, José Manuel García. Ao longo do evento tamén se fixo entrega dos premios que se levou o público ao longo dos 4 concursos. Contou ademais coa colaboración de alumnos do CIFP Manuel Antonio de Vigo, que participou en varias das actividades que a Consellería de Cultura realizou con relación ao Pergamiño Vindel.

Anuncios