Os orzamentos de Nigrán quedan no aire e o alcalde anuncia que non os volverá presentar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O alcalde de Nigrán, Juan González, nunha sesión plenaria.

Tras catro meses negociando os orzamentos e incorporando achegas de todos os grupos, o PP, co apoio de ND, aludiu no pleno de onte á «falta de participación cidadá» para non votalo e deixalo sobre a mesa. Esta postura de última hora deixa no aire as súas propias achegas recollidas no documento (auditorías externas, plan de mobilidade, plan de control de verteduras…) e acordos de todos os grupos como incrementar 55.000 € a achega á Mancomunidade para mellorar o convenio do GES (Grupo Emerxencias Supramunicipal) ou a partida para cubrir os gastos da posible aprobación de RPT (Relación de Postos de Traballo do Concello). O goberno local amosou a súa sorpresa porque, precisamente, todos os investimentos responden a peticións das entidades veciñais e a propostas dos propios corporativos elixidos pola cidadanía.

«A un ano das eleccións, a oposición do PP e ND pon os intereses do partido por riba dos cidadáns. Non presentaremos de novo os orzamentos porque agora temos claro que en ningún caso os van a apoiar e seguiremos gobernando como ata agora. Esta xustificación é unha simple escusa peregrina que en meses de negociación xamais demandaron, se de verdade cren no que din ¿Por qué agardaron ata agora para pedir maior participación cidadá?», pregúntase o rexedor, Juan González.