Baiona solicita a Gestagua a revisión do afundimento do firme da rúa Percibilleira

O Concello de Baiona solicitou á empresa concesionaria do servizo da auga, Gestagua, a revisión do afundimento do firme na rúa Percibilleira. As actuacións realizaranse a semana próxima, entre o martes día 9 e o mércores 10, e requirirán a interrupción do tráfico durante a duración dos traballos.

Para facilitar a circulación na zona, os vehículos que circulen pola rúa Percibilleira, terán que desviarse de forma obrigatoria polo Camiño As Fontiñas, que será habilitado de dobre sentido de circulación para facilitar o tránsito dos mesmos. Os utilitarios poderán acceder ao barrio da Percibilleira entrando e saíndo por este viario ao que se accede desde a rúa Uruguai na zona dos Tendais. Aqueles que queiran acceder á zona alta do barrio tamén o poden facer desde a rúa Virxe da Rocha (EP-2202).

O Concello de Baiona pide desculpas polas molestias que poidan ocasionar estas actuacións, que resultan necesarias para a revisión do pavimento da rúa de acceso ao barrio da Percibilleira.