Sin categoría

“Hugo” obriga a aprazar a final do Trofeo Infinitus

A borrasca “Hugo”, que empezará a notarse en Galicia a partir desta tarde, obrigou a aprazar a última xornada de probas o Trofeo Infinitus Rent, que se ía a disputar mañá pola tarde na baía de Baiona.

Esta nova cicloxénese explosiva, que xa se ve con claridade nas imaxes dos satélites, provocará un temporal de vento en boa parte da península, mal estado no mar e choivas xeneralizadas, aínda que non moi intensas.

Ante esta situación e as alertas emitidas por Meteogalicia, e tras acordalo co comité de regata, o Monte Real Club de Yates, organizador do campionato de J80, decidiu aprazar a xornada e celebrala próximo 14 de abril. Será entón cando se decida o gañador da liga de inverno de monotipos que o club baionés vén celebrando desde comezos de ano.

A espera do que suceda nas tres últimas probas, a clasificación está a día de hoxe moi axustada nos postos de honra, o que augura unha emocionante final. A tripulación portuguesa do Miudo, patroneada por Afonso Leite; e o Okofen do vigués Javier de la Gándara, van na cabeza empatados a 13 puntos. Detrás deles, con 18 puntos, sitúase o Virazón de Miguel Lago.

Ademais de disputarse as últimas mangas da competición, o día 14 de abril celebrarase a entrega de premios aos gañadores, nunha cea de confraternización no Monte Real Club de Yates.