“Escavando no noso pasado”, a mirada de tres ilustradores sobre dez castros da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Turismo, Santos Héctor, presentou o proxecto “Escavando no noso pasado: ruta arqueolóxica pola provincia de Pontevedra”, do cal subliñou que “é unha nova aposta polo turismo e a cultura, tratándose dun proxecto que encaixa no noso eixo de promoción turística #SomosHistorias”.

O proxecto, que xa está a desenvolverse, conta cunha ilustradora científica especializada en ilustración arqueolóxica, Guida Casella, e dous cadernistas, Alfredo Ugarte e Ana Moreiras, encargados de debuxar dez importantes xacementos da provincia. Estes castros son os de Santa Tegra (A Guarda), O Facho (Cangas), A Lanzada (Sanxenxo), Outeiro dos Gogoludos (Campo Lameiro), Laxe das Ferraduras (Cerdedo-Cotobade), Laxe dos Cebros (Oia), Torres do Oeste (Catoira), Chan da Arquiña (Moaña), castro de Toiriz (Silleda) e Castrolandín (Cuntis).

Carmela Silva explicou que “dentro das nosas historias, os xacementos arqueolóxicos teñen un espazo significativo e con eles estamos a dar a coñecer a todo o mundo que a provincia de Pontevedra é un dos espazos máis atractivos de España para coñecer a pegada dos nosos antepasados e percorrer centros arqueolóxicos da talla de Santa Trega ou da Lanzada”. Tamén resaltou que “nós sempre fomos un pobo adiantado e estivemos xa entón na vangarda das relacións comerciais e culturais con outros pobos do mundo”.

Na súa intervención, a ilustradora científica e deseñadora de infografías, Guida Casella, natural de Lisboa, salientou que “a xente quere coñecer historias e aquí na provincia de Pontevedra hai moitas historias que contar.”

Pola súa banda, a galega Ana Moreiras, explicou que “está sendo unha experiencia moi fermosa e moi pedagóxica que de seguro que será transmitida nestas ilustracións”. Por último, Alfredo Ugarte, sinalou que “con este traballo puiden gozar moito, coñecendo estes marabillosos xacementos, por iso creo que a miña visión será a que máis se pareza a eses turistas que chegarán á provincia de Pontevedra con ganas de coñecer estas historias”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén recalcou que “os xacementos forman parte do noso bagaxe cultural e, como saben, a cultura xa é o principal argumento das persoas que nos visitan na provincia de Pontevedra”. Carmela Silva anunciou que en canto estean rematadas as ilustracións, falta por visitar un xacemento, converteranse nun elemento máis de promoción do noso destino, elaborarase un coleccionable para ser distribuído nas oficinas de Turismo, e servirá tamén como un agasallo institucional que permitirá dar a coñecer a beleza e o rico patrimonio da nosa provincia.

Anuncios