A Xunta súmase á iniciativa “A Hora do Planeta” para concienciar sobre o cambio climático

O Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano e a Cidade da Cultura apagarán as súas luces o vindeiro sábado, 24 de marzo, ao longo dunha hora dende ás 20:30 horas, para sumarse á iniciativa “A Hora do Planeta”. Así, un ano máis a Xunta súmase con este xeito simbólico ás iniciativas que teñen por obxectivo concienciar á sociedade da importancia de loitar conta o cambio climático e intentar mitigar os seus efectos.

A hora do planeta é unha iniciativa de carácter mundial promovida pola organización WWF pretende chamar a atención sobre a necesidade de protección do entorno mediante políticas económicas sensibles e baixas en CO2.

Con esta acción, á que cada vez se unen máis entidades, organismos e persoas de todo o mundo, preténdese sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de preservar o medio ambiente e buscar a adhesión das entidades públicas e privadas a políticas comúns que axuden a implantar un modelo económico sensible co entorno e que faga reducir as emisións de carbono.

Deste xeito, gobernos e institucións, organizacións, empresas e cidadáns estanse a mobilizar por todo o mundo e están a dar pasos importantes para acelerar a transición global cara ao desenvolvemento económico e social coherente coas necesidades do planeta en materia de conservación e protección.

O Goberno galego entende que ten que estar neste proceso. Proba diso é a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que establecerá as grandes liñas de actuación na loita fonte ao cambio climático e na transición enerxética, incorporará a consideración do cambio climático na xestión territorial e levará aparellada a elaboración dun mapa de coñecemento e capacidades de Galicia nesta materia.

De xeito complementario, porase en marcha a Estratexia Galega de Sustentabilidade e a Estratexia de Economía Circular, esta última enfocada a un modelo de consumo que cubra todo o ciclo de vida dos produtos e fomentando medidas de mellora do entorno empresarial, prestando especial atención ás pemes, como métodos de deseño ecolóxico ou a aposta pola enerxía renovable.