
O Instituto de Estudos Miñoráns organiza o próximo 7 de abril a XIV Xeira Alén Miñor-Pontevedra. A saída será ás 8:30 desde a explanada do Pavillón de Deportes de Gondomar, con regreso previsto ás 21:00 horas ao mesmo lugar. A Xeira estará guiada por Manuel Lourenzo González (Profesor de Lingua e Literatura Galegas, escritor).
Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal. O prezo da viaxe será de 40 euros para os socios e de 45 euros para os non socios, incluíndo a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar, as visitas aos museos e guía. O número de conta do IEM é ES95 2080 5035 0730 4001 4164.
Pontevedra, lugar onde se atopa unha ponte vella
A construción arredor do século II por parte dos romanos dunha rede viaria de camiños que favorecería as vías de comunicacións e transporte de alimentos e mercadorías entre Braccara Augusta, Lucus Augusti e a Asturica Augusta, concretamente a vía XIX, favoreceu o asentamento e consolidación de pequenos núcleos de poboación que servían de apeadeiro ou lugar de descanso temporal para todo aquel que percorrese dita vía. Un destes pequenos asentamentos, localizado no que é a actual Pontevedra, chamouse Turoquia.
As orixes medievais de Pontevedra, con case total seguridade, gardan relación co reinado de Fernando II de León. A aparición dun documento, en 1163, que recolle a doazón por parte de dito rei da metade da igrexa de Santa María ao mosteiro de Poio, así o corrobora.
Pontevedra, ao igual que na época romana, ten ligado o seu destino ao Lérez, a ponte e os camiños. A vella ponte desapareceu (Vetula Ponte), dando paso, no medievo, a outra que tivese un protagonismo maior e axudase a sentar as bases dun novo núcleo que non deixou de medrar ata os nosos días.
A súa topografía no século XII vese claramente condicionada por atender a dúas funcións loxísticas: o control visual da ría e o territorio circundante e a defensa da cabeceira da ponte.
O máximo esplendor da vila acontece no sc. XV, cando se constrúen as catro igrexas medievais da cidade. Outórganlle a capitalidade provincial en 1833.
Algunhas localizacións a visitar:
Igrexa de Santa María (Gótico Serodio): O cerne da cidade estableceuse ao redor desta igrexa. A orixinal esmoreceu a finais do sc. XV dando paso á nova construción. O gremio de mareantes foi o gran benfeitor para a súa construción. Naquel momento esta irmandade era das máis representativas na bisbarra, grazas a que conseguira que a pesca da ría se xestionase dende a vila. Foron as xentes mariñeiras as que levantaron este templo, que no sc. XX pasaría a ter a categoría de basílica.
Igrexa de San Bartolomeu O Vello: A edificación orixinal tivo igual destino ca anterior. Temos referencias da primeira construción dende o século XIII, posteriormente( sc.XV- XVI), os xesuítas edificaron a nova igrexa, baseándose no barroco romano.
No sc. XIX demoleuse e no seu lugar construíuse o Teatro Principal.San Domingos (sc.XIV-XV): Conserva só as ábsidas e a entrada ao capítulo, aínda que na súa traza poden entreverse as cinco capelas, excepcionais na arquitectura da súa época. No seu interior estableceuse a sección lapidar do museo de Pontevedra.
As Murallas: Na época medieval a existencia da muralla dá titularidade a unha vila, outórgalle un status e identifica a súa poboación e as rúas. Fóra delas sitúanse moitos gremios e traballos que por determinadas características (loxísticas, saúde pública…) non poden levarse a cabo intra muros.
O primeiro recinto amurallado constrúese a carón e ao redor da Igrexa de Santa María no sc. XII. Sufriu ata tres ampliacións en diferentes períodos, a última a mediados do sc XV. A finais do sc XIX acometeuse o seu derrubamento. Aínda podemos apreciar restos e testemuñas da súa existencia. Un exemplo é a Porta da Vila (sc. XVIII).
Museo de Pontevedra: Institución dedicada á difusión da cultura e as humanidades no ámbito de interese galego, da vila, da provincia, pero tamén universal.
Pedro Madruga, Paio Gómez, Suero Gómez e Tristán de Montenegro, persoeiros fundamentais para entender a historia desta cidade, terán protagonismo nesta xeira, retallos da súa pegada están presentes en moitos recunchos e rueiros da vila.
Pontevedra posúe uns dos conxuntos históricos máis fermosos, máis paseables e mellor conservados de Galicia . As Prazas da Ferrería, da Peregrina, da Verdura, da Leña, etc conservan infinidade de elementos arquitectónicos (pazos, casas nobres, escudos, etc) e tamén lendas e moita historia que fan desta xeira unha das imprescindibles.