Sin categoría

Faladoiro do escritor Carlos López Bernárdez en Gondomar

A libraría Libraida de Gondomar organiza este venres 23 de marzo un faladoiro con Carlos López Bernárdez arredor do seu ensaio “Identidade e Universalidade. Lecturas de pintura galega” (Edicións Laiovento). O acto, que comezará ás 20:00 horas, estará presentado por Pepe Pintado e Carlos Méixome.

“Identidade e Universalidade. Lecturas de pintura galega” recolle un conxunto de traballos dedicados ao desenvolvemento da pintura galega da primeira metade do século pasado, con especial atención ao papel dos xéneros: retrato, paisaxe ou natureza morta como factores relevantes dentro do proceso evolutivo da nosas artes.

Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) é profesor de Lingua e Literatura Galegas e licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da Arte. Entre os seus libros destacan: Bestiario en pedra, Breve historia da arte galega, Maruja Mallo, a pintura da nova muller, Do idilio á diáspora. Modernidade é compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane , Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane . Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento Faro da cultura do xornal Faro de Vigo.