As oportunidades volven a Gondomar baixo os paraugas de Portobelo

A Feira de Oportunidades Portobelo celebrou este domingo a súa sexta edición enchendo unha vez máis de colorido o centro de Gondomar grazas á rechamante decoración baseada en paraugas colgantes sobre a rúa Párroco Mariño, na que 20 establecementos da comarca ofreceron os seus produtos a prezos rebaixados.

Centos de persoas achegáronse ata a Vila Condal para visitar a Feira, organizada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), coa colaboración do Concello de Gondomar, e na que veciños e visitantes puideron atopar artigos tales como roupa, calzado, complementos, bixutería, libros, perfumería, cosmética, barbería, doces, produtos gourmet, enxoval e electrodomésticos.

Desde OVALMI fan un balance moi positivo desta nova edición de Portobelo, que se desenvolveu desde as 11 da mañá ata as 9 da noite, incluíndo diferentes actividades ao longo da xornada, como a actuación de baile a cargo da escola de danza A Paradela e unha master class de zumba a cargo da protectora de animais Baisenpulgas, todo iso na praza da Alameda, ademais de inchables fronte ao Concello.