Zurita asinou un novo podio en Zamora e Galarreta adxudicouse a montaña

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // David Galarreta en Zamora.

O fin de semana con dobre cita en Zamora arrancou para o Club Ciclista Rías Baixas con dúas presenzas no podio. O 37º Trofeo Concello de Zamora resolveuse con Francesc Zurita cruzando en terceira posición a liña de meta e con David Galarreta adxudicándose a clasificación da montaña. Os dous líderes nesta carreira do conxunto presidido por José Luis Chamorro formaron parte da escapada de quince corredores que gañou o pulso ao pelotón.

Os 90 quilómetros de percorrido con saída e chegada no centro da capital zamorana presentaban dúas ascensións puntuables na súa parte intermedia. Galarreta filtrouse nunha fuga na aproximación ao primeiro dos portos e antes de coroar a esa escapada uniríase un grupo de quince corredores, entre eles Zurita.

Por baixo das pancartas dos dous portos de montaña Galarreta pasou en primeira posición e o seguinte obxectivo dos pupilos de Iván Rodríguez foi conseguir o triunfo final en Zamora. Para iso colaboraron xunto aos seus compañeiros de aventura e o pelotón non puido botarlles a luva.

Os quince fuxidos alcanzaron os últimos quilómetros con marxe suficiente para xogarse a vitoria e no sprint final Francisco García Rus (Gsport) levantou os brazos por diante de Antonio Soto (Lizarte) e Zurita, que sumou un novo podio tras o seu triunfo na xeral do Memorial Manuel Sanroma.

Galarreta chegou no mesmo tempo ocupando a undécima posición. Esta dobre representación do Club Ciclista Rías Baixas no grupo cabeceiro outorgou á formación do Val Miñor o cuarto posto na clasificación por equipos.

Trofeo Iberdrola

Tras este primeiro capítulo en terras zamoranas, a esixencia aumentará este domingo no 71º Trofeo Iberdrola con seis ascensións puntuables, entre elas tres subidas ao Poboado do Esla que tamén será meta no último paso. Un selectivo trazado que supón o primeiro reto de Antonio ‘Chava’ Angulo co Club Ciclista Rías Baixas. O corredor cántabro uniuse nas últimas semanas á disciplina miñorán procedente do conxunto profesional portugués La Alumínios-Metalusa-Blackjack.

O vencedor da Copa de España no 2015 e no 2016 compartirá aliñación na súa estrea con Zurita e Galarreta. Os outros catro elixidos polo director deportivo Iván Rodríguez para aspirar ao máximo nesta prestixiosa clásica, que arrancará ás 15:30 horas, son os escaladores Cristian Cuervo, Jaume Bonnin, Ignacio Zamanillo e Antonio Barbero.