Escolares de Gondomar participan nunha xornada de iniciación ao Judo

Alumnas e alumnos de 3º de Primaria do CEIP Chano Piñeiro, CEIP Serra Vincios e CEIP Plurilingüe Souto Donas participaron na mañá deste xoves nunha xornada de iniciación ao Judo no Pavillón Municipal de Deportes de Gondomar.

O obxectivo da actividade, organizada pola Federación Galega de Judo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Gondomar, é fomentar a práctica deste deporte e educar en valores como o compañeirismo ou a deportividade.

Promoción do Judo

Este sábado, 24 de febreiro, o Pavillón Municipal de Deportes de Gondomar acollerá desde as 11:00 horas a primeira xornada da Fase Sur do XogaJudo, organizada pola Federación Galega de Judo e enmarcada dentro do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Gondomar.

Participarán un total de 360 mozos e mozas das categorías Alevín e Infantil pertencentes a 49 clubs das provincias de Pontevedra e Ourense e de Santiago de Compostela, 118 na categoría feminina e 242 na masculina.

A actividade ten como principais obxectivos iniciar aos nenos e nenas máis novos na competición deportiva a través dunha competición adaptada, baseada en estimular e recoñecer o esforzo dos practicantes na procura dun mellor desenvolvemento persoal e deportivo, promovendo os valores do espírito deportivo, respectando aos profesores e aos compañeiros, cun regulamento que dá prioridade aos valores de compañeirismo e a deportividade por encima do resultado deportivo.

Anuncios