Anuncios
Ticker de novas

Usuarios de Avelaíña participan nun almorzo saudable do Obradoiro Terras do Miñor

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Usuarios de Avelaíña participan nun almorzo saudable do Obradoiro Terras do Miñor.

Unha vintena de usuarios da Asociación Avelaíña participaron esta mañá nun “Almorzo Saudable” ofrecido polo Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor VI”, promovido pola Mancomunidade de Concellos do Val Miñor e subvencionado con Fondos Europeos e a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Antes de degustar o almorzo elaborado e servido polos 15 alumnos-traballadores do Obradoiro (sete de operacións básicas de cociña e oito de servizos de restaurante), asistiron a unha charla informativa impartida pola nutricionista Gloria Pérez.

Con estes almorzos preténdese colaborar na sensibilización da adquisición de hábitos máis sans relacionados coa alimentación. O Obradoiro, que se desenvolve nas instalacións do CEE de Panxón baixo a dirección de Marita Pintos, comezou o día 29 de setembro e está a piques de finalizar o seu proxecto.

Ao longo do curso o alumnado fixéronse cargo do comedor social e serviron almorzos para escolares dos centros educativos do Val Miñor. Tamén se organizou unha comida de San Valentín cos maiores dos tres municipios da comarca.

Por último, as pasadas semanas tiveron lugar unhas xornadas de portas abertas, unha con colexios de educación especial, e outra moi importante, co empresariado da zona, co obxectivo de dar a coñecer aos novos profesionais formados cara á súa contratación.

Anuncios