Anuncios
Ticker de novas

Tras o paso de Félix chega Gisele con máis vento, choiva e mar combinada

A formación dunha profunda e ampla borrasca sobre o Atlántico, cunha fronte fría moi activa asociada, dará lugar durante o mércores día 14 a precipitacións abundantes e fortes ventos en amplas zonas da Península, e a mala mar en áreas costeiras de Galicia. Esta nova borrasca xa foi nomeada como Gisele e o seu centro de baixas presións principal situarase o mércores ao suroeste das Illas Británicas.

As precipitacións comezarán a primeiras horas do mércores polo oeste peninsular e iranse estendendo cara ao leste ao longo do día, alcanzando o leste de Andalucía a primeiras horas do xoves. Serán localmente fortes e xeneralizadas coa fronte, e máis dispersas tras o seu paso, aínda que poderían ser persistentes en Galicia e en áreas de montaña. As maiores acumulacións espéranse no oeste e sur de Galicia e, en xeral, en áreas próximas ás ladeiras sur das cordilleiras, especialmente no oeste do Sistema Central. Será significativa tamén a persistencia das choivas durante os días seguintes no oeste de Galicia, onde poderían acumularse uns 180 mm desde o mércores ao venres.

A cota permanecerá alta, polo que só espérase neve en áreas de montaña, coa cota de neve baixando ao final do mércores ata uns 1000 metros no noroeste.

O vento será, probablemente, o fenómeno máis adverso e máis xeneralizado deste episodio. Inicialmente de compoñente sur, virando a suroeste e oeste co paso da fronte, e alcanzando refachos moi fortes, ao redor de 80 km/h de forma xeneralizada en amplas zonas, exceptuando o val do Ebro e o extremo oriental peninsular, onde se prevé menos intenso. É probable que se superen os 100 km/h en áreas de Galicia e en zonas altas da vertente atlántica peninsular; puntualmente poderanse superar os 120 km/h en puntos do oeste de Galicia e na Cordilleira Cantábrica. Os refachos máximos de vento iranse estendendo de oeste a este ao longo do mércores alcanzado ao final do día e primeiras horas do xoves á área de Alborán.

En canto ao mar, en zonas costeiras de Galicia espérase vento do suroeste de forza 8, con altura significativa das ondas de mar combinada entre 4 e 6 m do suroeste. No Estreito e mar de Alborán prevese, a partir de últimas horas do mércores e primeiras horas do xoves, vento do oeste e suroeste forza 7 e altura de ondas de 3 metros.

Anuncios