Baiona organiza o seu XV Torneo Solidario de Tenis Escolar

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona organiza o vindeiro sábado 10 de xuño o XV Torneo Solidario de Tenis Escolar “ONG Ayuda al Mundo Necesitado”, que se disputará nas instalacións do Pavillón Municipal e no Pavillón Escolar do CPI Cova Terreña, co obxectivo de reforzar o programa deportivo escolar e a propia escola deportiva municipal de tenis. Poderán participar nenos e nenas repartidos nas categorías Peques, Pre-Benxamín, Benxamín, Alevín e Infantil. O torneo, ademais de buscar o propósito lúdico e deportivo, tamén ten unha connotación social un ano máis, xa que todos e todas as participantes farán entrega de alimentos non perecedoiros para ser entregados á ONG local “Ayuda al Mundo Necesitado”.

A competición desenvolverase desde as 9:00 da mañá, horario previsto para confirmar participantes, entrega de dorsais, e situación de zonas de xogo, ata as 14:00 horas, momento no que se realizará a entrega de trofeos, agasallos a todas as persoas participantes e sorteo de material deportivo. Para o desenvolvemento do torneo habilitaranse cinco zonas, unha por categoría, contando con dúas pistas de tenis e catro de mini tenis. Todas aquelas persoas interesadas en participar na actividade deberán entregar o boletín oficial de inscrición no Pavillón Municipal de Deportes de Baiona ou chamar ao teléfono 986 35 65 68 para formular a mesma. Do mesmo xeito, tamén pode facerse vía email a través de deportes@baiona.gal.

As prazas son limitadas por rigorosa orde de inscrición. O boletín oficial de inscrición está dispoñible na páxina web do Concello de Baiona.