Ouro para Omar Rodríguez e bronce para Anxo Uzal no Campionato de España

Omar Rodríguez e Anxo Uzal no Campionato de España.

O Palacio Municipal dos Deportes de Xixón acolleu na mañá deste sábado as probas júnior de loita libre, pertencentes ao Campionato de España de Loitas Olímpicas, competición preparatoria para o europeo de 2019.

Tras proclamarse o pasado mes de febreiro campións galegos, os baioneses Anxo Uzal e Omar Rodríguez, do Club de Loita Sabarís, formaron parte da selección galega de Loita Libre Olímpica. Omar fíxose coa medalla de Ouro na categoría de 74 kg, converténdose no novo campión de España, mentres que Anxo conseguiu a medalla de bronce en 61 kg.

Galicia acudiu á cita nacional cun total de 22 deportistas, 10 en Loita Libre Olímpica, 6 en Loita Grecorromana, 2 en Loita Sambo e 4 Mulleres en Libre Feminina, ademais de 6 árbitros nacionais, sendo unha das comunidades autónomas con maior representación. O Colexio Galego de Árbitros viaxa con Miriam García (Club Pontevedra), Ángel Amor (FGL), Marcos Araujo (Club San Ignacio), Jose Manuel Pereira (Club El Castro), Jorge Garrido e Daniel Fernández (Ambos os dous do Club Kuzushi).

Para o desenvolvemento deste evento nacional habilitáronse 4 tapices na pista central do Palacio de Deportes e cóntase cunha participación aproximada de 150 deportistas en loita, 120 en sambo e 50 en combat sambo, ademais de medio centenar de persoas na organización, uns 40 técnicos e outros tantos árbitros.

Tras esta competición, en menos de 7 días, a Federación Galega de Loita organiza xunto coa Federación Española no Concello de Pontevedra os Campionatos de España de Deporte en Idade escolar, así como os Campionatos de España cadetes de Loitas Olímpicas.

OMAR RODRÍGUEZ, OURO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA
Omar Rodríguez no máis alto do podio do Campionato de España.

2018-03-10 - 29027618_10156190096244204_7027643622514229248_n