De Baiona a Compostela coa Travesía Náutica Xacobea

FOTO: MONTE REAL CLUB DE YATES // O Monte Real Club de Yates e as súas praias circundantes obteñen a bandeira azul un ano máis.

Tras varios meses de obras e remodelacións, no Monte Real Club de Yates xa está todo listo para recibir aos navegantes que vaian realizar o Camiño de Santiago por mar, unha nova versión da histórica peregrinación a Compostela impulsada pola Xunta de Galicia da que club baionés é porto de partida.

A “Travesía Náutica Xacobea”, como se chama esta nova ruta, busca ofrecerlles aos amantes da vela a posibilidade de realizar o Camiño de Santiago a través do mar e de conseguir a Compostela selando unha credencial de peregrino nas mariñas máis destacadas de Galicia.

Dos 45 portos deportivos da costa galega con capacidade para recibir embarcacións en tránsito, só os 13 portos distinguidos coa certificación Q de Calidade Turística forman parte da proposta, unha selección que busca poder garantir ao peregrino por mar unha atención e uns servizos da máxima calidade.

Polas súas características e traxectoria histórica, o Monte Real Club de Yates foi elixido como porto de partida da ruta na súa versión sur, e un investimento de máis de 150.000 euros cofinanciados polo propio club, a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), permitíronlle mellorar as súas instalacións e servizos para recibir aos peregrinos ao comezo da travesía.

Varias obras destinadas a minimizar o consumo enerxético de auga e luz, a aplicación dun desconto especial do 25 por cento aos barcos patroneados por mulleres e a construción dunha rampla de acceso para facilitar o acceso a persoas con discapacidade foron algunhas medidas postas en marcha no marco dun plan que tiña como eixos o desenvolvemento sustentable, a igualdade entre homes e mulleres e a non discriminación. Ademais de gozar de todos os cambios realizados no club, os peregrinos que inicien a “Travesía Náutica Xacobea” desde Baiona terán un 15 por cento de desconto nas tarifas habituais.

Desestacionalizar o turismo en Galicia, impulsar o turismo náutico e a actividade dos portos deportivos da comunidade e ofrecer unha alternativa ás tradicionais rutas de peregrinación son os principais obxectivos dunha proposta na que, ademais da Xunta de Galicia, tamén participa Asnauga, a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia.
90 millas a vela entre Baiona e Compostela

A Travesía Náutica Xacobea ofrécelle aos navegantes a posibilidade de conseguir a Compostela dunha forma moi parecida a como a obteñen os peregrinos que van a pé ata Santiago. Do mesmo xeito que eles, deben percorrer unha distancia mínima, neste caso de 90 millas náuticas; e selar en cada punto de paso a súa credencial de peregrino.

O Monte Real Club de Yates é o porto de partida da ruta do sur, que pasa por Vigo (Real Club Náutico de Vigo), Cangas (Real Club Náutico de Rodeira), Sanxenxo (Club Náutico de Portonovo e Real Club Náutico de Sanxenxo), San Vicente do Mar (Club Náutico de San Vicente do Mar) e Cabo de Cruz (Club Náutico de Boiro).

Desde Boiro hai dúas posibilidades para chegar a Santiago, ben subir polo Río Ulla a Padrón ou Pontecesures e desde alí continuar por terra a Compostela; ou seguir ata Riveira (Club Náutico Deportivo de Riveira) e continuar por Portosín (Real Club Náutico de Portosín) e Noia para proseguir desde alí ata Santiago a pé.

Ademais da ruta sur, existe tamén unha ruta norte desde Ribadeo (Real Club Náutico de Ribadeo) pasando por Ares, Sada, A Coruña e Portosín, coas mesmas opcións para o final por terra que a ruta desde o sur.

En ambos os dous casos, o sepulcro do Apóstolo Santiago é a meta da peregrinación xacobea por mar e a Oficina do Peregrino de Santiago o lugar onde os navegantes deberán presentar a súa credencial de peregrinos selada para recoller a Compostela.