Hoxe xoves 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da muller traballadora, e desde o Baíña FS queren felicitar a todas as mulleres traballadoras e en especial as súas familiares e amigas. No club a presenza feminina é cada vez maior e esperan que cada vez se unan máis mulleres para axudarlles a seguir crecendo. Para conmemorar tal día os seus equipos sénior e xuvenil xogarán este fin de semana de morado os seus partidos oficiais.
Queren facer unha mención especial á súa directiva Ana Iglesias, licenciada en Dereito e Técnica Superior en Igualdade, grazas á súa incorporación o club vai mellorando en moitos aspectos da formación para a base.
Hoxe é un bo día para anunciar que o Baíña Fútbol Sala comezará a súa andaina no futsal feminino de base. Desde hai anos o club baionés ten nas súas filas a nenas adestrando e xogando, pero sempre en categorías mixtas, a partir da próxima campaña formaranse equipos femininos para participar nas ligas locais e provinciais.
Coa colaboración da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, que dirixe Mª Carmen Paredes, o club inicia este novo camiño onde se traballará na formación de todas as nenas que desexen apuntarse. A partir do mes de abril comezarán no Pavillón Municipal de Baiona os adestramentos abertos a todas as nenas entre 8 e 15 anos que desexen achegase a probar este apaixonante deporte.
Na actualidade o club conta con tres xogadoras nos seus equipos: Irene e María de categoría alevín e que xa levan no club 4 anos, e Iria, xogadora infantil que recentemente foi convocada a adestrar coa selección de Vigo. Hoxe en día o fútbol sala feminino está en auxe e considérase un gran deporte onde se traballan ademais dos valores intrínsecos dos deportes de equipos trabállase moito a nivel físico e táctico. Ademais nos últimos anos en Galicia este deporte está a ser punteiro en España con catro equipos femininos na primeira división.
Todas as xogadoras que desexen participar poden poñerse en contacto co coordinador Daniel (617902730) ou co presidente Santiago (644860260).

