Unha ex concelleira do PP denuncia ao Concello de Baiona por despedimento improcedente

FOTO: PEPE COSTAS // Ángeles Silva.

Ángeles Silva, ex concelleira do PP no Concello de Baiona, foi cesada polo alcalde, o tamén popular Ángel Rodal. Aínda que estaba contratada como cargo de confianza, Silva emprendeu accións legais para demostrar que desempeñaba funcións equiparables ás dunha administrativa e denunciar que o seu despedimento é improcedente.

A que foi concelleira durante oito anos foi contratada polo ex alcalde Jesús Vázquez Almuiña, cesando cando foi nomeado novo conselleiro de Sanidade. Cando Rodal tomou as rendas do goberno local, volveu ser contratada.

A ex concelleira asegura que desempeñou todo tipo de funcións equiparables ás dunha funcionaria ou de persoal laboral, sobre todo de carácter administrativo. O Pavillón de Deportes, Urbanismo ou Servizos Sociais, foron algúns dos postos que ocupou, cubrindo baixas ou ausencias do persoal.

O pasado 19 de febreiro presentou un escrito no que solicitaba que se declarase o seu posto como persoal indefinido non fixo coa categoría de administrativo. A resposta foi negativa, e ademais, recibiu o seu cesamento de mans do alcalde.

Pola súa banda, o rexedor, Ángel Rodal, asegura que ao ser un cargo de confianza, cando non hai confianza, non pode continuar.

Anuncios