Tráfico denunciou a máis de 200 condutores durante a Festa da Arribada

FOTO: GARDA CIVIL // Un dos controis realizados durante a Arribada.

Durante o pasado fin de semana, 61 condutores foron denunciados polos Gardas Civís do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, por conducir consumindo alcol ou drogas.

Con motivo desta festividade, do 2 ao 4 de marzo, o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra puxo en marcha unha serie de dispositivos para garantir a seguridade viaria nas vías de comunicación e acceso á localidade de Baiona.

Entre os obxectivos deste tipo de dispositivos, que son habituais nestes eventos lúdico-festivos, está conseguir comportamentos máis seguros de todos os condutores e poñer fóra da rede viaria aqueles que consumiron drogas ou bebido alcol superando os límites establecidos.

Durante o dispositivo, que estivo marcado polas condicións meteorolóxicas adversas, os efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil realizaron 1.415 probas de alcol e drogas.

Das probas realizadas, 59 condutores deron resultado positivo en alcol, e foron denunciados por vía administrativa. A outros 2 condutores instruíronselle dilixencias, para o seu posterior traslado á autoridade xudicial, por dar resultado positivo en alcol e superar a taxa de 0´60 mg/ l. Estes dous condutores poden enfrontarse a unha pena de prisión de 3 a 6 meses, a unha multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días e, en calquera caso, coa privación do dereito para conducir vehículos a motor por tempo superior de 1 ata 4 anos.

Noutra orde de actuacións detectáronse a 3 condutores sen crédito de puntos asignados ao seu permiso de conducir. Ademais, outros 165 foron denunciados por diversos incumprimentos administrativos á normativa de Seguridade Viaria, entre eles: exceso de velocidade, non someter o vehículo á ITV periódica, pneumáticos en mal estado, non facer uso do cinto de seguridade e utilizar o teléfono móbil durante a condución.