Miles de persoas reviven a Arribada a pesar da choiva e o vento

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Espectáculo de Cetrería.

A pesar da choiva e o vento, miles de persoas achegáronse este fin de semana a Baiona para regresar ao medievo e conmemorar o 525 aniversario da chegada da carabela La Pinta coa noticia do Descubrimento de América. A Real Vila engalanouse un ano máis trasladándose cinco séculos atrás grazas á XXIII Festa da Arribada.

A celebración arrancou, tras unha visita ás Paradas dos Pobos Irmáns no Paseo Ribeira, co Gran Desfile Medieval, coa participación de toda a animación da Festa da Arribada. Pero como en todas as edicións, o gran protagonista foi o Real Mercado Medieval, con centenares de postos distribuídos por todo o Centro histórico, Marqués de Quintanar e a Praza de Santa Liberata.

En Marqués de Quintanar e Carabela Pinta instaláronse os postos de artesanía e obradoiros lúdicos e educativos para os máis pequenos como os oficios antigos que atoparon na Alameda dos Aprendices, onde puideron facer gravados de madeira, ourivaría, olería, repuxado de coiro, repostería, cuñaxe de moedas, escritura gótica, bordados e costura, tapices de época, lacrado, etc.

A zona de Playmóbil Medieval ampliou o seu recinto, con castelos, piratas, bucaneiros, príncipes e princesas, damas e cabaleiros e multitude de figuras Playmóbil coas que xogar e facer voar a imaxinación dos infantes.

A praia Concheira volveu acoller os paseos de Camelos e Dromedarios e a zona chamada “Terrario Exótico: O Centauro”, onde atopamos serpes, tartarugas xigantes, a iguana, os guacamaios, os agapornis e os papagaios de cola vinagre. Tamén se puido ver a Granxa Medieval, unha actividade lúdica e educativa para os nenos.

Os máis pequenos puideron gozar tamén no Campamento de Adestramento de Cabaleiros, o Photocall Medieval, o Parque de Aventuras Desafío Medieval con descensos en tirolesa, rocódromos, rappel, torre multiaventura, equilibrio no ponte mono, o Parque de Atraccións Medievais e os quebracabezas de madeira con xogos tradicionais de toda a vida.

Veciños e visitantes puideron visitar as exposicións temáticas “Castelos, os protectores de pedra”, e a de “Inventos da idade media e creacións visionarias”. As mulleres do municipio mostraron tamén os seus “Encaixes de Palillos” e “Labores de Calceta”, e o Liceo Marítimo de Baiona acolleu unha exposición de traxes medievais e da cartelería de todas as edicións da Arribada.

Non faltaron artesáns, malabaristas, zancudos, cetrería, xustas medievais, tiro con arco, contendas de esgrima e combates históricos, música antiga, espectáculos nocturnos de lume e a representación da “Arribada do Descubrimento”, obra escrita polo profesor e historiador Avelino Sierra e dirixida por Mónica Sueiro, que tivo que ser suspendida na xornada do domingo.

Anuncios