O nigranés Iván Roade gaña a VII Media Maratón de Salamanca

Iván Roade tras cruzar a meta da Media Maratón de Salamanca.

Iván Roade Lago impúxose este domingo na VII Media Maratón Cidade de Salamanca. O nigranés do Bikila completou os 21.097 metros de percorrido en 1:08:12, cruzando a meta xunto ao seu compañeiro de club Luis Miguel Sánchez, que rexistrou o mesmo tempo. Javier Alves Vas (Arte Física), gañador da edición de 2017, pechou o podio en terceira posición, con 1:09:12.

O tempo respectou aos 2.600 inscritos na prestixiosa proba que se desenvolveu pola capital salmantina cun novo percorrido, por un circuíto urbano con saída e meta nos arredores de La Alamedilla.

A proba estivo organizada por un Comité Organizador Independente coa colaboración do Club Deportivo Cazabaches, o Concello de Salamanca, Laboral Kutxa, Deputación de Salamanca, Policía Local de Salamanca, e a autorización da Federación de Atletismo de Castela e León.

No que vai de ano, Roade xa gañou a XII edición da Subida ao Castro, proclamándose ademais campión do circuíto Run Run Vigo, e a IV Carreira do Entroido de Vigo.

Anuncios