Desirée Vila: “Un non elixe o seu destino, pero si a actitude coa que vivir a súa vida”

“Hoxe fai tres anos desde aquel día en que me deron a peor noticia da miña vida: ‘Desi, temos que amputarche a perna’. Desde ese momento, todo cambiou completamente”. Así comeza o testemuño da moza gondomareña Desirée Vila Bargiela, que perdeu unha perna ao ser necesario practicarlle unha amputación.

O 26 de febreiro de 2015 sufriu un accidente mentres realizaba exercicios na cama elástica durante un adestramento no Club Flic Flac. O Xulgado do Penal número 3 de Vigo condenou a dous anos de prisión e inhabilitación especial para o exercicio da profesión médica por un período de 4 anos ao traumatólogo Pedro Larrauri, que atendeu á ximnasta no Centro Médico El Castro.

A xuíza considerou ao traumatólogo responsable dun delito de lesións por imprudencia grave con perda de membro principal e grave deformidade. Condenouno así mesmo a indemnizala en máis de dous millóns de euros (2.154.684,73 euros).

“Ter que deixar o deporte que amaba foi, sen dúbida, o máis duro. Pero tamén o ter que crecer de súpeto, tragarme as miradas e os comentarios da xente e camiñar coas miñas muletas aguantándome moitas bágoas e sentimentos de rexeitamento. Rexeitamento por un corpo que, pensaba, non se correspondía comigo, cunha nena de 16 anos”, continúa Desirée.

“Agora entendo que si, que necesitaba facerme forte soa, necesitaba aprender, con todos eses momentos nos que sentín horrible por non ter perna, que a beleza está no interior, que a xente che quere polo que es, non polo que tes ou o que che falta. Toda a xente boa que me acompañou na miña recuperación fíxome ver que o que de verdade vale a pena é tratar de ser feliz a pesar de todo o que veña”.

“Un non elixe o seu destino, pero si a actitude coa que vivir a súa vida. Despois daquela operación, o día 4 de marzo de 2015, pensei que aí se acababa todo, pero non pensei en todo o que quedaba por vir. Estou agradecida por estar viva, a pesar deses horribles días no hospital, por ter novas motivacións, como o atletismo, e por ter xente ao meu lado con quen poder celebrar todos os meus logros e tamén os meus fracasos, e, á fin e ao cabo, iso é todo o que quero e necesito na miña vida”, conclúe a nova.